Nova xornada de folga e manifestación contra o ERE do Sabadell que afectará de xeito principal ás traballadoras

A CIG reitera a falta de motivación para despedir máis persoal e seguir pechando oficinas

Nacional -

A segunda xornada de folga no Banco Sabadell está sendo, novamente, todo un éxito de seguimento, evidenciando o amplísimo rexeitamento que existe entre o persoal a un despedimento colectivo que afectará maiormente ás traballadoras, xa que das 1300 persoas que o banco pretende despedir na rede comercial, 1000 están no grupo administrativo, que é o máis feminizado.

Ademais, a empresa tampouco ten en conta nin as reducións de xornada nin as excedencias (que principalmente solicitan mulleres), polo que para a sección sindical da CIG existe un claro nesgo de xénero neste expediente.

Manifestación por Compostela

Con motivo da folga, as centrais sindicais con representación, convocaron tamén unha manifestación en Santiago de Compostela que partiu da Rúa do Hórreo e rematou na Praza de Cervantes, co simbolismo engadido de que no actual edificio que ocupa Abanca estivo a sede histórica do Banco Gallego, absorvido polo Sabadell en 2013 e exemplo da brutal concentración e reestruturación que está a sufrir o sector dende a crise financeira de 2008.

 Así o lembrou Andrés Río, secretario da sección sindical da CIG na entidade, quen reiterou a falta de xustificación deste ERE cando o banco xa se desfixo de 1800 persoas no primeiro trimestre do ano, cando existe unha importante sobrecarga de traballo, cando as oficinas están saturadas e cando a entidade está obtendo beneficios.

Alternativas ao ERE

Explica que última reunión do período de consultas celebrada onte, xoves, non houbo ningún avance, xa que a empresa segue insistindo na necesidade de aplicar o ERE e só rebaixou a afectación ás 1605 persoas, sen concretar o reparto xeográfico. "No banco non sobra ninguén", asevera Río, quen sinala a existencia de alternativas que evitarían os despedimentos pero que o Sabadell se nega a negociar.

O representante da CIG referiu que internalizando os diversos servizos que están externalizados, creando equipos de suplencias para cubrir as oficinas que precisan persoal, establecendo a mobilidade funcional (que non xeográfica) con traballo en remoto, e ofrecendo saídas realmente voluntarias vía prexubilacións, "xa se cubriría o exceso de efectivos que o banco di que ten".

A este respecto, Andrés Río reiterou que a CIG non vai asumir este ERE porque suporía non só afondar na destrución de emprego no sector e na exclusión dos servizos financeiros, senón que implicaría regalarlle ao banco a mobilidade xeográfica total e a precarización das condicións de traballo.

Despedimento do 20% do persoal  o peche do 30% das oficinas en Galiza

O expediente formulado polo Banco Sabadell supón en Galiza o despedimento do 20% do actual cadro de persoal e o peche de máis do 30% das 88 oficinas que ten neste momento. Neste senso, Río chama a atención sobre o feito de que na fin de semana do 16-17, a entidade procederá a pechar 31 oficinas da rede galega, segundo o previsto no seu plan estratéxico.

"Pechan oficinas de maneira unilateral e logo úsano de escusa para dicir que sobra xente", denunciou o representante sindical, quen cominou a empresa a abrir unha negociación precisamente sobre a necesidade de pechar máis oficinas, cando a clientela demanda atención presencial e tendo en conta que as sucursais están sobrecargadas.

Finalmente, a sección sindical da CIG denuncia que empresas con beneficios como o Banco Sabadell poden aplicar este tipo de despedimentos colectivos porque así llo permite a reforma laboral aprobada en 2012 polo PP, que o goberno de PSOE-Podemos mantén plenamente vixente.

Volver