Nova xornada de folga e mobilizacións do persoal de Celso Míguez para reclamar o pago dos salarios

Os traballadores/as percorreron as rúas de Pontevedra en manifestación
Pontevedra - 21 Out 2020

O cadro de persoal de Celso Míguez, empresa dedicada á comercialización de pinturas con sede en Pontevedra pero con centros de traballo en toda Galiza, desenvolveu hoxe unha nova xornada de folga e de mobilizacións para reclamar o pago dos salarios pendentes.

Un grupo de traballadores/as percorreu este mediodía as rúas do centro pontevedrés en manifestación, dende o hospital provincial até a sede da empresa, na rúa Almirante Matos, onde permaneceron concentrados/as berrando consignas.

Dende a CIG-Servizos explican que a dirección da compañía continúa sen querer recibir o comité de empresa para abordar a situación derivada das débedas salariais. E iso a pesar de que este mesmo luns a representación do persoal (CIG e CCOO) levou a cabo un peche nas instalacións da empresa para forzar un encontro.

“Estivemos seis horas dentro da empresa e chamamos ao xerente, porque o xefe xa non quere falar con nós; cando lle dixemos que se tiña que reunir co comité contestounos que ten cousas máis importantes que facer que atender ao que fan os empregados/as”, denuncian dende a central.

Ao mesmo tempo, lembran que os 16 traballadores/as que asesora a CIG están á espera de que o xulgado fixe a data do xuízo no que reclaman o pago dos soldos e a rescisión dos seus contratos. Finalmente, adiantan que unha vez rematado o actual calendario de protestas nos vindeiros días decidirán as seguintes accións a realizar.