Nova xornada de folga nas contratas de R contra a deslocalización dos servizos e do emprego

Persoal de COMFICA e INDRA concentrouse diante do edificio da operadora de telecomunicacións

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras de COMFICA que prestan servizo de soporte telefónico para R na provincia da Coruña, están desenvolvendo este martes unha nova xornada de folga de 24 horas  contra a deslocalización dos servizos e do emprego fóra de Galiza que pretende aplicar a operadora de telecomunicacións. Por esta mesma razón, tamén  o persoal de INDRA que realiza servizos de soporte técnico para R desenvolve hoxe un paro laboral de tres horas (das 18:30 ás 21:30 horas), coincidindo coa concentración que os/as traballadores/as realizaron diante da sede da operadora no Cantón coruñés.

A folga en COMFICA repetirase novamente este mércores, mentres que en INDRA está convocado un novo paro mañá 20 de agosto, das 11:00 ás 14:00 horas. A folga e o paro tamén irán acompañadas dunha nova concentración, mais desta volta diante do edificio de R na Avenida de Fisterra, nº 333.

Con estas mobilizacións dáse continuidade ao calendario de protestas que o persoal das contratas iniciou logo de coñecer as pretensións de Euskaltel (propietaria de R) de retirarlle os contratos as actuais auxiliares para trasladar servizos e emprego fóra de Galiza. Esta decisión, advirten, pon en risco a continuidade de máis de mil empregos nos distintos departamentos: mantemento, enxeñería e desenvolvemento de rede, atención  telefónica, etc.

Sen recolocación nin subrogación

Lembran que ao persoal de COMFICA e Colabora xa se lles comunicou que o seu traballo vaino facer dende Asturias, a partir do mes de outubro, a empresa ZTE (subcontrata de Euskaltel) e non se lles deu opción de recolocación ou subcontratación malia levar máis de 15 anos realizando o mesmo traballo en exclusiva para R Cable.

Ao tempo, a operadora xa reduciu o alcance do proxecto e o número de horas de servizo que lle viña prestando o persoal de INDRA, polo que esta compañía nos dous últimos meses non lle renovou o contrato a catro compañeiros/as temporais e xa comunicou a recolocación de 8 traballadores/as indefinidos noutros proxectos. A previsión é que o persoal eventual vaia quedando na rúa nas próximas semanas ao non renovárenselle os seus contratos.

O mesmo risco corren centos de empregos na provincia da Coruña se Euskaltel avanza no seu proceso de traslado de servizos. Neste senso, o persoal subliña que no que vai de 2019 a compañía logrou máis de 23 millóns de euros netos de beneficios e que sete euros de cada 10 que ingresa proveñen de R.  

Reunión coa secretaria xeral de Emprego

Por iso, tanto a representación social como a CIG solicitaron unha xuntanza de urxencia coa Consellaría de Industria para abordar esta situación, máxime tendo en conta que R recibiu 66 millóns de euros en subvencións da Xunta. A reunión celebrouse o pasado 1 de agosto coa secretaria xeral de Emprego, a quen se lle reclamou que convocara a todas as partes implicadas a unha reunión para tratar a deslocalización dos servizos e o futuro dos empregos en Galiza. Porén, a día de hoxe, matiza o secretario da CIG-Industria da Coruña, "seguimos á espera de coñecer se a Xunta fixo as xestións ás que se comprometeu".

Así as cousas, aliás das xornada de folga convocadas para esta semana, xa están previstas novas folgas de 24 horas en COMFICA para os días 27 e 28 de agosto.

Volver