Nova xornada de folga no gran comercio téxtil e de calzado para rexeitar o convenio ARTE
As persoas traballadoras do comercio téxtil e de calzado das catro provincias galegas están chamadas a unha nova xornada de folga convocada pola CIG este luns 27 de abril no marco da loita contra o convenio ARTE (Asociación Retail Textil de España). O paro de 24 horas coincidirá cunha nova xuntanza de negociación do marco estatal co que a principais empresas do sector pretenden precarizar as condicións laborais e eliminar dereitos contemplados nos convenios provinciais.
A convocatoria chega tras o éxito das mobilizacións desenvolvidas con anterioridade no sector e esténdese ao conxunto do comercio vario na provincia da Coruña, mentres que en Pontevedra, Ourense e Lugo afectaralle ao persoal das empresas asociadas á patronal ARTE, así como a todas as persoas que presten servizo naquelas compañías que estarán afectadas polo ámbito funcional establecido no preacordo asinado o pasado día 23 de marzo pola asociación ARTE e os sindicatos CCOO e Fetico. Isto é, as dedicadas principalmente ao comercio téxtil e de calzado que conten cun cadro de persoal superior a 400 persoas e unha superficie de venta física superior a 3500 metros cadrados no ámbito do convenio.
A xornada de folga coincidirá precisamente cunha nova xuntanza da mesa negociadora deste convenio estatal impulsado pola patronal ARTE (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) co obxectivo de recortar dereitos e centralizar as relacións laborais. Ante iso, A CIG-Servizos volveu remitirlle un escrito á Confederación de Empresarios/as de Galiza (CEG) para demandarlle á patronal galega que sente negociar un acordo interprofesional galego do comercio que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa.
A central sindical denuncia que, con respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas no preacordo ARTE suporían unha rebaixa de entre 2000 e 3000 euros/ano -dependendo da categoría- na Coruña e Pontevedra (5000 euros menos no caso das persoas traballadoras que se incorporen ás tendas Inditex na provincia coruñesa); a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense; e a perda do complemento de permanencia na Coruña.
Ademais, estabelécese a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura; a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación; recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses; e autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial.
Aumento da xornada anual
A respecto da xornada anual pactada (1770 horas para o ano 2026, 1760 para 2027 e 1740 para 2028), a central sindical advirte que, malia a propaganda, as horas de traballo anuais aumentarían en realidade, xa que o tempo de descanso de cada día (de 15 minutos como mínimo) deixaría de computar como tempo efectivo de traballo.
Pero ademais, a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría a desaparición ou redución ao mínimo das negociacións provinciais; conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado; e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando ao sector, xerando condicións dispares entre persoas da mesmo centro que realizan as mesas funcións.
Por iso, o convenio impulsado por ARTE non só afectará ao persoal das grandes empresas senón que terá consecuencias sobre as condicións laborais das persoas empregadas no pequeno comercio, que verán como desaparecen aos poucos ou se negocian á baixa os seus convenios de referencia.