Nova xornada de folga en Hércules de Armamento para esixir o pago dos salarios e garantías de futuro
Traballadores e traballadoras de Hércules de Armamento desenvolveron este martes unha nova xornada de folga na fábrica de armas para reclamar á dirección da empresa que regularice o pago dos salarios e demandarlle que "redobre esforzos para resolver as incertezas sobre o futuro laboral e industrial da empresa".
Coincidindo coa convocatoria de folga (de 10:30h a 15:00h), o persoal realizou unha concentración ás portas da fábrica de armas na se que berraron consignas relativas á débeda salarial, á carga de traballo ou á necesidade de buscar un socio inversor.
Precisamente, o Presidente do Comité, Xabier Rioboo, reclamou da empresa que redobre esforzos ante a perspectiva inminente de asinar un contrato para dotar de nova carga de traballo á fábrica e a existencia de varios precontratos, mais que fican pendentes da entrada dun socio inversor.
Sobre a carga e traballo, Rioboo engadiu tamén que, até agora, nas instalacións de Palavea só se estaba realizando produción civil ao ter Hércules de Armamento suspendidas as licencias administrativas para a fabricación no sector de defensa, xa que non cumpría os requirimentos en materia de seguridade estabelecidos polo Ministerio.
Porén, apuntou, esta situación foi corrixida pola empresa, xa está contratada un novo servizo de seguridade e permanécese agora á espera de que Defensa dea o visto bo á solicitude das licencias correspondentes.
Ante as novas posibilidades abertas, dende o Comité tamén pediron á Consellaría de Industria que avance na comprometida posibilidade de crear unha mesa de traballo "na que estean presentes as distintas administracións implicadas, e cuxo obxectivo sería tratar a situación da fábrica e coordinar as actuacións precisas para a elaboración e posta en marcha dun plan que garanta os postos de traballo e o mantemento da actividade produtiva".