Nova xornada de luns con paros e concentracións en Atento

As traballadoras e os traballadores de Atento proseguen, un luns máis, coa folga e as concentracións en resposta aos abusos da empresa. O persoal está secundando paros laborais de unha hora por quenda de traballo para esixir o cese da política de acoso, persecución, ameazas, sancións e despedimentos e que se establezan unhas relacións laborais normalizadas.

O persoal continuará coas protestas mentres non haxa un cambio de actitude por parte da empresa, que na última xuntanza co comité mesmo chegou a asegurar non ter constancia de que existan problemas na plataforma da Coruña nin dos requirimentos e multas impostos pola Inspección de Traballo.

Dende a Sección Sindical da CIG reclaman a Atento que comece a implantar medidas para rebaixar os elevadísimos niveis de estrés e ansiedade no centro, tal e como se recolle no informe da avaliación de riscos psicosociais, e que tome medidas contra as actuacións da mutua, que está a presionar o persoal que cae enfermo para que acurte o tempo da baixa.

Volver