Nova xornada de mobilizacións contra o peche de oficinas do Santander e a represión sindical en Abanca
A CIG-Banca continuou este luns co calendario de mobilizacións en contra do novo modelo de negocio do Banco Santander, baseado no peche de oficinas, a destrución de emprego e a dixitalización forzosa da clientela; e para denunciar a represión sindical exercida por Abanca e exixir a readmisión da delegada da CIG despedida.
As delegadas e delegados da CIG concentráronse primeiro diante da oficina do Santander da rúa Médico Rodríguez, xa que é unha das que a entidade vai pechar e parte do seu persoal pasará a integrarse na sucursal da Rúa Juan Flórez. Un peche continuado de oficinas, advirte a sección sindical da CIG, para evitar a atención presencial e avanzar na paulatina redución de postos de traballo, mais evitando os custes económicos que lle suporía tramitar un ERE e o negativo impacto mediático deste tipo de medida.
Cada peche, explica Maite Freire, delegada da CIG, implica o despedimentos dunha parte do persoal e a concentración do persoal restante nas oficinas que continúan abertas, co notábel incremento da carga de traballo e un recorte na atención presencial. As instrucións do banco, alerta, “é que non facilitemos atención presencial nas oficinas, senón que desvíemos a clientela ás canles dixitais”.
Neste marco, a entidade tamén procura desfacerse do persoal de máis de 58 anos aplicándolles traslados a oficinas a máis de 75 km, e no caso do persoal máis novo, con despedimentos procedentes por supostos incumprimentos normativos detectados tras unha avaliación. A isto súmanse as sancións arbitrarias que repercuten no cobro de incentivos e variábeis.
Esta dixitalización forzada polo propio Banco Santander sérvelle como escusa para reducir postos de traballo e avanzar cara o novo modelo de plataforma financeira, co único obxectivo de seguir a engordar os seus millonarios beneficios.
Pero este recorte na atención presencial tamén ten un impacto negativo sobre a clientela, especialmente entre as persoas de máis idade e aquelas con escasa alfabetización dixital, que se atopan con múltiples dificultades para acceder o banco, afondando así na súa exclusión financeira. Neste senso, a representación da CIG fai unha chamada de atención polo incremento das fraudes e ciberataques que se está rexistrar.
“A presenza de sucursais con persoal suficiente para prestar atención, constitúe unha protección para estas persoas e un engadido para que non sexan sacadas do sistema financeiro”, aseverou Freire.
Na actualidade en Galiza hai un total de 132 oficinas do Banco Santander. Hai catro anos ese era o número de oficinas que existían tan só na provincia da Coruña, e a previsión é que os peches e a destrución de emprego continúen no próximo ano.
Represión sindical en Abanca
A seguir, a CIG trasladou a mobilización ás diante da oficina principal de Abanca para denunciar a política de persecución e represión sindical e reclamar a readmisión da compañeira Montse, traballadora da entidade e delegada pola CIG no comité de Pontevedra. Hai que lembrar que no último ano a central nacionalista convocou unha folga nesta entidade para exixir melloras salariais, presentou catro conflitos colectivos na Audiencia Nacional (un deles de tutela por vulneración da liberdade de sindical) e non asinou acordos en materia de xornada que empeoran as condicións laborais.
A resposta de Abanca foi despedir a compañeira Montse despois dun proceso totalmente inquisitorio e rocambolesco, no que a acusan de facer acoso laboral a unha persoa que está nun posto superior, xustamente durante o período de preparación da folga. Para a CIG esta decisión constitúe unha clara represión sindical a través da que Abanca busca acalar e amedrentar o persoal para que non reclame os seus dereitos “algo que non imos consentir”.
O despedimento xa está recorrido en vía xudicial, ao non producirse avinza no acto de conciliación no SMAC, e de xeito paralelo á demanda xudicial, a central continuará coas mobilizacións na rúa pola readmisión da compañeira.