Nova xornada de mobilizacións contra os despedimentos e o peche de oficinas no Banco Santander

As protestas realizáronse este martes en Lugo e Ourense

Lugo/Ourense -

A CIG-Banca continuou este martes co calendario de mobilizacións en rexeitamento aos despedimentos e peches de oficinas que o Banco Santander quere executar co novo ERE. Desta volta, as protestas realizáronse diante de varias das oficinas que a entidade ten nas cidades de Ourense e Lugo.

Nos últimos cinco anos, o Banco Santander destruír máis de 5000 postos de traballo en todo o Estado e agora quere volver aplicar outro expediente extintivo para reducir o cadro de persoal en 5090 persoas, alegando a baixada nos servizos de atención presencial que demanda a clientela. Unha baixada ficticia, denuncian dende a sección sindical da CIG, xa que dende hai dous anos o banco está aplicando unha agresiva campaña para botar as clientas e clientes das oficinas e obrigalos a relacionarse coa entidade a través do caixeiro, a banca online ou por vía telefónica. E iso, sen importarlle nin a idade, nin os coñecementos nin os recursos que teñan estas persoas.

 Agora pretende utilizar esa dixitalización forzosa para xustificar este novo peche de oficinas e esta nova destrución de emprego. En Galiza este axuste implicará o peche de 79 oficinas máis: 32 na provincia da Coruña, 15 en Lugo, 9 en Ourense e 23 en Pontevedra. Afondando a exclusión financeira á que o proceso de reestruturación e concentración bancaria está levando a centos de galegas e galegos que viven nas zonas rurais.

Cómpre salientar que no ano 2017, cando o Santander adquiriu por 1€ o Banco Popular e o Banco Pastor en Galiza había 415 oficinas e 2430 persoas traballando nas tres entidades. "Tres anos despois, traballan no Santander 1777 persoas e están abertas 234 oficinas; case un 27% menos de persoal e un 43,60% de oficinas menos".

Este novo ERE suporá tamén un incremento da carga de traballo para as empregadas/os que queden no banco e unha redución da calidade no servizo que se presta. Ao que hai que sumar "unha asoballante presión comercial que deriva en prolongacións de xornada de forma habitual para tratar de conseguir uns obxectivos comerciais inalcanzábeis".

Con estas mobilizacións, a CIG tamén quere facer unha chamada de atención ao conxunto da sociedade galega das graves consecuencias que este proceso brutal de reestruturación e concentración financeira ten a nivel laboral, social e económico e insta a mobilización na defensa do acceso aos servizos financeiros.

Volver