Nova xornada de mobilizacións en Atento contra a precariedade e os despedimentos

O persoal secunda paros laborais de dúas horas
A Coruña - 25 Mar 2019

As traballadoras e os traballadores de Atento están secundando unha nova xornada de paros e mobilizacións contra a precariedade laboral que padecen e os despedimentos, e para esixir da dirección que respecte o acordo alcanzado o pasado mes de outubro para a mellora das condicións laborais na plataforma coruñesa.

O persoal realiza este luns paros laborais de dúas horas por quenda de traballo e mobilizacións coincidindo coa  folga parcial da mañá e da tarde. A sección sindical da CIG lembra que dende que se asinou o acordo no AGA o pasado mes de outubro, "Atento non cumpriu nin un só dos puntos alcanzados", chegando mesmo a impor un calendario de vacacións durante o nadal absolutamente ilegal.

A empresa segue establecendo uns obxectivos imposíbeis de acadar, non se ofrece a formación adecuada as traballadoras e traballadores, non resolveu os problemas coas aplicacións, fai  cambios de xornada de maneira arbitraria, non dá tempo administrativo e tempo entre chamadas, afonda na política de ameazas e acosos, etc.

Pero ademais, dende principios de ano, Atento despediu por causas inxustificadas a 11 traballadoras e traballadores, das que 8 estaban en situación de baixa médica. Unhas baixas que na maioría dos casos están provocadas polas propias condicións laborais e as fortes presións ás que a empresa somete o persoal.

Por todo isto, o persoal continuará adiante coas mobilizacións até lograr que se respecten os seus dereitos e ter unhas condicións laborais dignas.