Nova xornada de paros e mobilizacións en Universal Support (Konecta) por unhas condicións laborais dignas

O persoal que atende a Superlínea Santander levou as protestas ás portas do banco
A Coruña - 18 Out 2021

As traballadoras e os traballadores do servizo Superlínea Santander que presta Universal Support á entidade bancaria conclúen este luns co calendario de mobilizacións e paros laborais convocados para esixir condicións de traballo dignas, que se respecte o dereito ao descanso e o remate da contratación irregular.

Na xornada deste luns, coincidindo coa folga de dúas horas da quenda de mañá, o persoal volveuse concentrar ás portas da oficina principal do Banco Santander na Coruña para evidenciar a precariedade que sofren e reclamar da entidade que interveña ante Universal Support (propiedade do grupo Konecta) xa que é a súa clientela a quen lle están prestando servizo.

Nin formación nin descansos

Advirten que esta campaña, na que traballan 170 persoas, se presta en condicións de "precariedade total" sen que a empresa achegue a formación adecuada nin nas horas necesarias para "asesorar, informar e resolver os problemas que lle poidan xurdir á clientela cos seus produtos bancarios". E malia as demandas reiteradas por parte do comité, nin Konecta nin o Santander corrixiron esta situación até o momento.

Por iso, coa protesta de hoxe tamén se quere facer un chamado á clientela do banco presidido por Patricia Botín "xa que é a verdadeira prexudicada por esta situación"

Na concentración púxose énfase nos salarios de miseria do persoal (rexido polo convenio de centros de chamadas) e no feito de que Universal Support aínda pretende empeorar as condicións laborais obrigando a traballar en fins de semana e festivos estatais, sen ningún tipo de compensación e cando existen sentenzas xudiciais en contra desta decisión. A isto engádense a continua falta de respecto á propia lei á hora de regular os días a traballar e as libranzas, ademais da denegación por sistema dos días libres por vacacións ou festivo local traballado.

Con esta xeira de paros laborais e mobilizacións, o comité tamén reclama o cese das irregularidades nas contratacións temporais que impiden que os traballadores/as poidan acadar estabilidade ou subir de categoría profesional, así como que se establezan pausas entre chamadas para poder realizar as xestións de maneira adecuada.

Malia o éxito que están a rexistrar as folgas parciais e os intentos de negociación da representación social, a empresa mantense totalmente inmóbil e sen vontade de chegar a acordos nin mellorar as condicións do seu persoal.