Nova xornada de paros en Atento por unhas condicións laborais dignas

A Coruña -

Os traballadores e traballadoras de Atento A Coruña volven secundar este luns paros laborais de dúas horas por quenda para esixirlle á empresa unhas condicións dignas e que cumpra cos acordos acadados no seo do AGA. Coincidindo cos paros, o comité repartiu unha enquisa entre o persoal para coñecer a opinión sobre diversas cuestións relativas ao traballo diario nesta empresa.

Dende principios de ano, o persoal de Atento vén realizando mobilizacións periódicas en rexeitamento á política laboral da empresa, xa que incumpriu todos e cada un dos acordos asinados o pasado mes de outubro para a mellora das condicións laborais: seguen as presións para cumprir uns obxectivos imposíbeis; falta tempo administrativo e entre chamadas; as aplicacións e os ordenadores están obsoletos; impóñense as vacacións; e non cesaron os despedimentos de persoal -en moitos casos logo de incorporarse dunha baixa-.

Con este calendario de folgas e mobilizacións, o persoal quere demostrarlle á empresa que están en disposición de pelexar por unhas condicións laborais dignas e que ten que cumprir os acordos.

Volver