Nova xornada de protestas da CIG-Saúde contra a carreira profesional "da discriminación"

Desenvolve un calendario de mobilizacións nas distintas áreas todos os xoves de abril
Nacional - 19 Abr 2018

CIG-Saúde continuou este xoves co calendario de mobilizacións en rexeitamento á carreira profesional proposta polo SERGAS "que incrementa a discriminación salarial e que ten os mesmos efectos que a crise: castiga os colectivos con menor retribución e con maior precariedade laboral". Este é o terceiro xoves consecutivo que a Federación convoca mobilizacións nas distintas áreas sanitarias e as protestas terán continuidade o próximo 26 de abril.

O calendario de mobilizacións coincide coa negociación da carreira profesional na Mesa Sectorial, na que o SERGAS mantén unha postura "intransixente, e non acepta negociar ningunha das propostas que presenta a CIG-Saúde", denuncian. A este respecto dende a Federación da CIG lembran que a Consellaría veuse "reforzada" coa sinatura, por parte do resto de organizacións sindicais presentes na mesa, dunha acta "que simplemente era un cheque en branco para administración" e pola que suspenderon a folga prevista para os días 2 e 3 de novembro.

A CIG non aceptou esa chantaxe e mantivo a convocatoria de folga na sanidade para esas dúas xornadas en demanda da recuperación dos acordos asinados en 2010 e que foron suspendidos, como non, co pretexto da crise económica.

A carreira da discriminación

Dende CIG-Saúde denuncian que a carreira que se está a negociar non recoñece a antigüidade das/os profesionais; deixa fóra a todo o persoal temporal ( como interinas/os, contratadas/os de longa duración, etc.); ou impide acceder ao grao que lle corresponde ao persoal de promoción interna, polo simple feito de ter aprobada máis dunha OPE no SERGAS.

Xunto a isto, a Federación de Saúde advirte que a negociación prodúcese no contexto da taxa de reposición, pactada cos sindicatos estatais e co voto en contra da CIG, que impide a consolidación do persoal como persoal fixo.

Neste senso, lembran que dende o ano 2008 non se convocaron prazas das categorías dos Grupos C1 e E, e estes/as interinos/as agora quedan fóra do "Réxime transitorio e excepcional de encadramento". Tampouco entrarán as categorías que xa teñen OPE en curso ou que aínda non tomaron posesión (FEAs, Traballador/a social, TCAES, PSX, celadoras/es, auxiliar Administrativo…).

"Estes colectivos van ser dobremente penalizados. Son os colectivos que teñen suspendidos o IV grao de carreira e, agora, son os colectivos que maioritariamente quedarán fóra do "Réxime transitorio e excepcional de encadramento da carreira profesional".

A CIG-Saúde non vai aceptar unha carreira profesional que incrementa a discriminación salarial "e que ten os mesmos efectos que a crise: castiga os colectivos con menor retribución e con maior precariedade laboral no SERGAS".