Nova xornada de seguimento maioritario da folga do siderometal da provincia da Coruña

Elementos “matonís” da patronal agriden a dous representantes da CIG no piquete de Compostela
A Coruña/Ferrol/Compostela - 09 Xun 2022

A terceira xornada de folga consecutiva non siderometal da Coruña (que suma xa sete días de paro) volveu rexistrar un seguimento maioritario e ampla participación dos traballadores e traballadoras nos piquetes informativos e nas mobilizacións. O éxito é de tal calibre que a patronal está a recorrer á violencia para impedir a participacion das e dos traballadores do sector.

Así ocorreu esta mañá en Compostela, onde membros do piquete, nomeadamente Renato Núñez, membro da Executiva Confederal da CIG, e Antonio Cebei, da CIG-Industria, foron agredidos con barras de ferro, ao intentar entrar a falar cos traballadores para explicarlles as razóns polas que está convocada a folga.

Ademais, hai constancia de que outros compañeiros tamén sufriron agresións no transcorrer do piquete informativo. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advirte que, de igual maneira que non van quedar sen resposta as represións que están exercendo as empresas co seu persoal, tamén actuará en consecuencia diante destes intolerábeis ataques.

Acusa á patronal de “matonismo” que lembra tempos pasados. Considera que o nivel de violencia e a agresión contra estes dous compañeiros demostra até que punto está a patronal disposta a limitar os dereitos das traballadoras e traballadores. Unha agresión que se suma ao que ocorreu no grupo Malasa, en Cerceda, onde houbo case atropelos por parte dos donos da empresa a traballadores do sector que formaban parte do piquete.

O secretario xeral asegura que a patronal ten elementos que exercen violencia non só reprimindo, despedindo e ameazando a quen vai á folga senón mesmo organizando a matóns para impedir o exercicio deste dereito. Actitudes que entende que demostran que quen exerce a violencia é a patronal e a xente que ten a soldo. “Estamos ante uns feitos que non son propios dunha patronal, senón de gánsters”.

En todo caso, Carril fai unha valoración moi positiva da resposta dada polo conxunto do persoal á convocatoria da folga e ás mobilizacións, que nesta quenda se conseguiron ampliar a máis polígonos e vilas da provincia. Un éxito que, reitera, se confirma precisamente con estas actitudes represivas da patronal.

Folga os días 28, 29 e 30 de xuño

Unha vez concluídas estas tres xornadas e ente a falta de movementos por parte da patronal, a federación de Industria da CIG intensificará as asembleas nos centros de traballo co obxectivo de elevar aínda máis a participación nas folgas dos días  28, 29 e 30 de xuño e nas mobilizacións que se realicen con tal motivo.

“É obvio que lograr que a patronal fixera algún movemento na última reunión da mesa foi só grazas á resposta contundente dada polos traballadores e traballadoras. Pero para conseguir un convenio digno que non supoña perder cartos nin dereitos temos que seguir na loita e intensificala”, apuntan dende CIG-Industria.  Subliñan que “non estamos pedindo nada que a patronal non poida asumir: un 0,5% de incremento para 2020 e o 6,5% para 2021, correspondente ao IPC real, e que esta suba vaia ás táboas”.

Neste senso, a CIG-Industria critica que a pesar do éxito da folga, a día de hoxe non houbo ningún contacto coa patronal. Unha patronal que ademais está dividida, e mentres unha parte (que non está na mesa do convenio pero que representa ás grandes empresas) lle está trasladando aos comités que estaría disposta a asumir a diferenza salarial que separa ás partes da firma do convenio, a patronal que si ten presenza na mesa mantén bloqueadas as negociacións ao teimar en non garantir o mantemento do poder adquisitivo. 

Responsabilidade da patronal

Así as cousas, a CIG-Industria reitera a súa disposición a negociar, “mais mantendo o calendario de mobilizacións xa convocado”, chama á responsabilidade da patronal para que abandone as pretensións de non garantir o poder adquisitivo dos salarios e precarizar aínda máis as condicións laborais, e se aveña a negociar un convenio digno e con dereitos.