Novas denuncias contra a Xunta en Ourense por incumprir as medidas de protección fronte á covid

Ante a existencia de numerosas deficiencias en materia de prevención de riscos
Ourense - 05 Out 2020

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de presentar unha nova quenda de denuncias ante a Inspección de Traballo e a Seguridade Social de Ourense en materia de prevención de riscos laborais contra a xefatura territorial da Consellería Política Social, a xefatura territorial de Medio Rural e a xefatura territorial de Educación.

Segundo explican dende a central, estas denuncias seguen a outras que se fixeron nos centros residenciais, nos centros de día e no edificio administrativo. “Estas xefaturas seguen sen cumprir o deber de protección do seu persoal; nesta ocasión centrámonos tamén naquelas que desenvolven funcións administrativas, ademais de reiterar as denuncias sobre os centros residenciais, nos que seguen sen adoptar medidas”. 

Estas xefaturas seguen sen cumprir o deber de protección do seu persoal

Tal é o caso do centro de menores da Carballeira, no que a Xunta continúa sen tomar medidas ou da xefatura de Medio Rural en Florentino Cuevillas, onde o persoal ten unha ventilación moi deficiente e comparte minúsculos habitáculos, e aos que nin sequera se lle dá máscara de protección”.

Tampouco se fixeron as avaliación de riscos laborais dos centros ou non se actualizaron con respecto ao risco biolóxico da covid, polo que nin se está a facilitar material de protección neste ámbito laboral, até o punto de que non se proporcionan máscaras cirúrxicas nin xel hidroalcólico na maioría dos casos.

“O persoal que traballa nos centros administrativos da nosa cidade, e tamén na administración periférica como son as oficinas agrarias comarcais, non foi formado nin informado das medidas preventivas do seu posto fronte á covid; só se fixo nalgúns postos puntuais de inspección, obviando o resto”.

Por iso critican que a pesar dos requirimentos e advertencias dos delegados/as de prevención da CIG os responsábeis da Xunta sigan ignorando a súa responsabilidade nesta materia. “En plena segunda onda é intolerábel esta situación, polo que acudimos á autoridade laboral para que inste a tomar medidas eficaces para protexer as persoas traballadoras do risco de contaxio por coronavirus, incluíndo a correspondente posta a disposición dos traballadores/as dos EPI axeitados ou dos medios de protección colectivos como máscaras, anteparos, xeles, produtos desinfectantes, etc”.

Tamén lamentan a ausencia de teletraballo e de medidas organizativas que eviten a coincidencia do persoal nos centros denunciados (carteleiras de teletraballo ou traballo remoto, citacións, control de acceso, etc).

Principais demandas

Diante disto, dende a CIG- Administración Autonómica reclaman que se organice o traballo de xeito que se reduza o máis posíbel o número de persoas traballadoras expostas, establecendo quendas e posibilitando o teletraballo. 

Reclaman que se organice o traballo para reducir o número de persoas expostas, con quendas e teletraballo

Tamén solicitan material preventivo axeitado: máscaras cirúrxicas, máscaras FFP2/FFP3, luvas desbotábeis, gafas antisalpicaduras e roupa de traballo desbotábel de protección segundo indique a ARL ou o RD 21/2020, así como instrucións para o seu uso adecuado.

Outra das demandas ten que ver coa adopción de medidas específicas para as persoas traballadoras especialmente sensíbeis (grupos de risco), suposto no que entenden que non é aceptábel a presenza física no lugar de traballo cando é compartido por un número importante de persoal e usuarios/as, e moito menos a atención ao público.

Finalmente, instan a Xunta a facilitar información e formación a todo o persoal en materia de medidas preventivas fronte á covid e a facer avaliacións de riscos laborais nos centros que carezan delas, así como que a levar a cabo actualizacións das mesmas en base ao novo contexto derivado dos gromos.