Nova protesta contra os abusos laborais e a nula vontade negociadora de Teleperformance

O luns 28 o comité ten convocados paros de unha hora por quenda

A Coruña -

Traballadoras e traballadores de Teleperformance continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para esixir da empresa que cumpra cos acordos laborais, demandar unhas condicións de traballo dignas e o cese dos despedimentos arbitrarios. O vindeiro luns, día 28, o comité ten convocada unha nova xornada de protestas, desta volta con paros de unha hora por quenda de traballo e concentración ás 12:30h diante das oficinas da empresa.

Con estas mobilizacións queren rexeitar a nula vontade negociadora da empresa, que segue sen resolver as problemáticas laborais que o comité  leva anos denunciando, como os descontos indebidos nas nóminas, as formacións insuficientes para o persoal, a implantación unilateral de ferramentas de comunicación ou a falta de información á representación social.

Problemáticas que se agravaron dende o inicio da pandemia, na que a empresa atopou a escusa ideal "para levar adiante todas e cada unha das súas pretensións, aplicando de maneira incondicional medidas unilaterais e restritivas, recortes de dereitos e modificacións nas condicións de traballo".

Sobre os descontos indebidos, Tino Fernández, delegado da CIG, explica que os traballadores e  traballadoras seguen sufrindo estes detraementos nas nóminas por desconexións do sistema que non son responsabilidade súa ou por acudir a consultas médicas xustificadas.

Advrite que este proceder é totalmente irregular, "tendo en conta que xa hai unha sentenza que determina que non se poden facer descontos nas nóminas por incidencias informáticas ou cortes da conexión de rede que non son imputábeis aos traballadores e ás traballadoras".

Xunto a isto, denuncia os despedimentos arbitrarios que Teleperformance vén facendo dende nadal pasado por suposto baixo rendemento, que non se están a compensar de maneira xusta os gastos derivados do teletraballo, tal e como recolle o RD 28/2020, ou a falta de avances na implantación do plan de igualdade e do plan de formación.

Volver