Novo Alicerce despide a unha traballadora da escola infantil "A Ceboliña" por reclamar os seus dereitos

CIG-Ensino denuncia que se trata dunha medida represiva e para amedrentar a todo o persoal

Miño -

A CIG-Ensino quere denunciar a persecución sindical que a empresa Novo Alicerce SL está a exercer contra as traballadoras da Escola Infantil "A Ceboliña" de Miño, da que ten adxudicada a súa xestión. As empresarias comunicaban esta semana o despedimento a unha das educadoras alegando motivos disciplinarios, mais para a CIG esta medida é unha clara represión contra a traballadora por ter reclamado os seus dereitos e ten un carácter exemplarizante para o resto das compañeiras.

A traballadora leva dous anos nesta empresa sen que até o momento recibira nin unha soa amoestación, pero este mércores, sen motivo obxectivo algún, sen ter os papeis preparados e antes de rematar a súa xornada, a dirección entregoulle a carta de despedimento, alegando unha "transgresión da boa fe contractual".

Incumprimentos de convenio e atrasos nos pagos

Para a CIG-Ensino esta decisión é unha clara represión contra a traballadora e un intento de amedrentar ao resto das súas compañeiras para que non reclamen os seus dereitos nin se organicen. Hai que subliñar que as traballadoras levan tempo padecendo atrasos nos pagamentos das nóminas, pasando de un a dous meses sen cobrar e sen recibir copia das nóminas; os incumprimentos do convenio son constantes e a empresa, entre outras cuestións, non lle permite ao persoal o uso gratuíto do comedor, non lles facilita a roupa de traballo e non respecta o calendario laboral, nin a antigüidade.

Estes incumprimentos xa foron denunciados tanto diante da Inspección de Traballo como no Concello de Miño, quen non adoptou ningunha medida para obrigar a empresa concesionaria a respectar os dereitos das traballadoras.

Ante a falta de solucións ás súas demandas, as traballadoras decidiron organizarse coa CIG e convocar eleccións sindicais. "Nese momento, explica a CIG-Ensino, a persecución incrementouse e foi cando as empresarias decidiron despedir a esta traballadora, coa intención de amedrentar ao resto de compañeiras e que desistan de facer eleccións e reivindicar os seus dereitos". Non parecéndolle abondo o despedimento, as propietarias da empresa están a facer unha campaña de ameazas, acoso e presión ás traballadoras a través de reunións individuais e colectivas.

Concentración o próximo xoves

A CIG-Ensino xa solicitou unha reunión co alcalde de Miño para tratar o que está a acontecer na Escola Infantil "A Ceboliña". O Goberno local respondeu á petición, citando o sindicato para o xoves da vindeira semana, "unha data que nos parece tardía. A problemática da escola ten que abordarse coa máxima urxencia posíbel", aseveran.

Por iso e para denunciar publicamente os problemas neste centro, a CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro xoves, 21 de febreiro, ás 13:00 horas, diante das escola "A Ceboliña" (r/ Rabazal, s/n. Miño).

Ademais, as traballadoras van convocar aos pais e nais das crianzas a unha xuntanza, dado o nivel de intoxicación por parte da empresa. E tamén está prevista unha reunión cos grupos municipais da oposición para abordar a problemática da escola.

Volver