Novo martes de protestas en Cee para esixir un plan de viabilidade para as fábricas de Ferroatlántica

A sección sindical da CIG critica a pasividade absoluta da Xunta malia ter plenas competencias
Cee - 24 Set 2019

Como cada martes dende hai tres semanas, traballadores e traballadoras de Ferroatlántica concentráronse diante da casa do concello de Cee para manifestar o seu rexeitamento a operación de venda do complexo industrial e enerxético ao fondo norteamericano TPG Sixth Street Partners e reclamar da Xunta de Galiza que esixa o preceptivo plan de viabilidade a empresa, tal e como obrigan as cláusulas concesionais.

Porén, o Goberno galego mantén unha pasividade absoluta e nin lle trasladou á representación social a documentación presentada pola empresa, nin tampouco se quixo reunir para abordar a proposta de plan de viabilidade remitida xa hai meses polo comité. Isto malia os compromisos de que se mantería un contacto fluído, malia a Xunta de Galiza ter plenas competencias nesta materia e malia non terse solicitado autorización administrativa previa para efectivizar a operación, tal e como sería preceptivo.

Fronte a esta desidia, a sección sindical da CIG reitera a necesidade de exixirlle ese plan de viabilidade á nova propietaria para garantir o cumprimento das obrigas legais e, nomeadamente, da condición esencial das concesións: a vinculación das centrais hidroeléctricas coas fábricas de ferroaliaxes.  Esta é a única garantía de que non se producirá unha segregación encuberta das actividades produtivas, do mantemento dos empregos e da salvagarda do interese público inherente á explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos.

As fábricas, unha especie de subcontratas

A CIG vén advertindo dende o seu anuncio, que esta operación de compra-venda non se axusta á legalidade e compromete a viabilidade futura das fábricas de Cee e Dumbría ao deixalas como unha especie de subcontratas de FerroGlobe, fóra do  grupo pero suxeitas ás súas decisións empresariais, xa que FerroGlobe (a sociedade nacida da fusión de Ferroatlántica e Globe e propiedade do Grupo Villar Mir) é a única provedora de materia prima e a compradora exclusiva da produción.

De feito, alerta o voceiro da sección sindical da CIG, Alfonso Mouzo, o persoal nin sequera coñece os termos exactos do acordo asinado entre FerroGoble e TPG-Ithaka. Por iso, xa adianta que, tal e como teñen acordado, as mobilizacións continuarán todos os martes diante do concello de Cee e non se descarta convocar algunha outra acción para presionar tanto á Xunta de Galiza como á nova propietaria.