Novo martes de protestas en Cee para esixir un plan de viabilidade para as fábricas

Cee - 08 Out 2019

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica continúan coas mobilizacións semanais para demandar da Xunta de Galiza que esixa de maneira urxente á empresa o cumprimento da legalidade e presente o preceptivo plan de viabilidade. A sección sindical da CIG advirte que como consecuencia da venda especulativa do complexo industrial e das centrais hidroeléctricas, nestes momentos as fábricas están cos fornos rebaixados e que a materia prima que está a utilizar "é a que non se quere noutros centros de traballo do Grupo FerroGlobe".

Critican que malia a gravidade da situación, a Xunta "segue sumida nunha pasividade inaudita", sen reunirse co comité, nin trasladar a documentación presentada pola empresa, nin esixirlle un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes, o mantemento dos postos de traballo e que se respecte a cláusula esencial de vinculación da actividade das fábricas e da produción de enerxía.

>>> Nova relacionada: CIG-Ferroatlántica: "A Xunta non pode agardar máis para esixir o plan de viabilidade, cando as fábricas xa sofren as consecuencias da venda".