Nunca Máis, Galeano e Galiza

Manuel Mera - 23 Xan 2023

Diante de 20.000 asistentes o escritor uruguaio fixo referencia a Galiza, á desaparición da administración durante as primeiras semanas da traxedia polo afundimento do Prestige, e como a sociedade civil, as xentes do mar do noso país e miles de voluntarios, enfrontaron cos medios máis rudimentarios

 Hai dúas décadas escribín un artigo no Brasil para un xornal galego, nun momento no que a nosa nación sufría os efectos do desastre do Prestige, que estragaba nosas costas, mentres que Rajoy e o Goberno central, con Aznar á cabeza, rebaixaban o problema a “unhas pingas de petróleo”. Na mobilización para atallar a desfeita ecolóxica, castigar os culpábeis e esixir solucións tivo un papel importante o pobo da zona afectada, e o conxunto do nacionalismo galego, coa CIG en primeira liña. O desastre e a masiva mobilización popular traspasou fronteiras. A relevancia que colleu o tema no mundo, nas persoas sensíbeis, de esquerda, foi moi importante, neste caso que relato o lugar foi Porto Alegre e o protagonista o escritor uruguaio Eduardo Galeano. Coido que paga a pena lembralo.

 “O Xigantiño” foi o local onde se fixeron as maiores conferencias do 3º Foro Social Mundial (FSM) de Porto Alegre. Ten capacidade para 15.000 persoas, aínda que o 26 de xaneiro estaban ateigados os corredores e moita xente ficou fóra do recinto; ese día falaban Eduardo Galeano, Leonardo Boff, Radha Kumar e Jean Ziegler. Diante de 20.000 asistentes o escritor uruguaio fixo referencia a Galiza, á desaparición da administración durante as primeiras semanas da traxedia polo afundimento do Prestige, e como a sociedade civil, as xentes do mar do noso país e miles de voluntarios, enfrontaron cos medios máis rudimentarios, teimosía e coraxe, a marea negra que pretendía desfacer as rías, despois de tinguir de negro as rochas e praias abertas ao mar. Que un escritor do prestixio de Galeano lembrara este feito e o puxera como exemplo reflicte sensibilidade humana, así como a súa solidariedade e aprecio polo nosa Terra.

 O terceiro FSM superou a todos os anteriores en asistencia de organizacións, xornalistas acreditados e participantes. Estes últimos calcúlanse en cen mil. A mobilización do día 23 contra a globalización e o neoliberalismo, baixo a consigna de “Outro mundo é posíbel”, axuntou unhas 200.000 persoas; a do 27 de xaneiro contra o ALCA foi un pouco menor. En todos os actos salientou a participación da mocidade, amosando máis unha vez que a xuventude non “pasa” cando se lle dá posibilidade, e que lle preocupan e está disposta a actuar fronte aos grandes problemas da humanidade: pobreza, marxinación, precarización laboral, desfeita da natureza, aumento do militarismo e estreitamento dos dereitos democráticos, etc.

 En todas as conferencias estiveron latentes conflitos candentes, como a situación de Venezuela, a intención dos Estados Unidos e os seus aliados de atacar a Iraq, o bloqueo contra Cuba, a represión do Goberno israelí contra o pobo palestino, etc., aínda que o tema estrela foi o novo marco político existente no Brasil polo triunfo electoral de Lula, e se debía ir ou non a Davos. Hai desconcerto e temor en moitos sectores de esquerda que apoiaron a Lula como presidente. Consideran que hai medidas tomadas polo seu Goberno positivas, porén outras non se entenden moi ben; como por exemplo a composición da comisión de “países amigos de Venezuela” ou a anunciada reforma do sistema de previsión (pensións). Mais, alén do debate e das preocupacións da esquerda do PT e doutros partidos, Lula falou no FSM diante de milleiros de persoas, procurando o corazón dos que o escoitaban, con verbas sinxelas e reafirmando os compromisos cos que o votaron. Emocionou.

 Cantas voltas deu a situación no mundo nestas dúas décadas, en Galiza, no Brasil, na confrontación entre potencias polo avance do multilateralismo e o carácter senil do capitalismo, tal como o describía xa daquela o analista exipcio Samir Amin. Cómpre un Nunca Máis contra a desfeita ecolóxica, o medre da desigualdade e o intervencionismo?... Depende de todos/as nós. 

 

 

[Galiza, 23 de xaneiro de 2023]