O 061 establece que non se desinfecten as ambulancias até o remate dos traslados cando se atendan varios positivos de Covid19

CIG reitera a necesidade dun protocolo unificado para o transporte sanitario baixo coordinación da Administración
Nacional - 16 Abr 2020

A FGAMT-CIG rexeita completamente a instrución emitida pola Fundación Pública 061-Urxencias Sanitarias de Galiza a través da cal establece que, no caso de realizarse varios traslados encadeados de persoas contaxiadas de Covid19, estes realizaranse sen desinfectar a ambulancia entre viaxes e sen que o persoal cambie os EPIs até o remate do proceso. Deste xeito, impóñense unhas condicións de traballo que obrigan a ir en ambulancias sucias "o que provocará que os traballadores e traballadoras teñan que convivir cunha elevada carga vírica, agravando o risco de contaxio e producíndolles unha estrés innecesario".

Para a FGAMT-CIG esta instrución incrementa os riscos aos que están sometidos os traballadores e as traballadoras, así como a severidade destes riscos, e resulta contrario ao actual escenario de contención dos contaxios, tendo en conta que se trata dun escenario de traballo sucio en permanente desprazamento e contacto con outras zonas limpas, "algo que nos parece unha total irresponsabilidade".

Por iso, a CIG reclama a retirada inmediata desta instrución e que garantan as condicións hixiénicas entre traslados co obxectivo de protexer tanto ao persoal como as persoas usuarias das ambulancias.

Necesidade de procedementos unificados e coordinados

Xunto a isto, a CIG segue demandando que se elabore un protocolo unificado de actuación ante a pandemia da Covid19 para todo o transporte sanitario (urxente e non urxente) e que este se aplique baixo a coordinación da Fundación 061. Esta demanda xa lle foi trasladada pola central sindical á administración galega na reunión mantida o pasado 20 de marzo, dada a anárquica xestión que as numerosas empresas que prestan estes servizos están a facer da crise sanitaria.

Non obstante, a pesar do tempo transcorrido e dos compromisos adquiridos, até o momento nada se ten avanzado neste protocolo nin tampouco no labor de supervisión e coordinación por parte da Fundación 061. "O que pedimos é que todas as empresas dispoñan dos mesmos medios e que todas apliquen os mesmos procedementos, adaptados ás súas condicións e necesidades", sinalan dende o sector de Transportes da CIG.

A central sindical tamén demanda que os medios de protección que se envíen dende o 061 "sexan adecuados ao traballo que se realiza e que non volva pasar como con algunhas remesas de máscaras que se mandaron que eran dunha calidade ínfima".

EPIs diferentes e reutilización de equipamento dun só uso

A falta de coordinación e control é tal, sinalan, que os dotacións de EPIs son diferentes en cada empresa, hai compañías nas que se están reutilizando equipamentos de un só uso; outras que continúan a facer desinfeccións das ambulancias nas rúas ao non dispor dunha nave que sirva de base; e mesmo algunhas usan ambulancias de tipo A2 para o traslado de persoas contaxiadas cando estes vehículos non son apto para estes traslados.

Dende a FGAMT-CIG lembran que o transporte sanitario é unha parte esencial da sanidade pública, polo que a Xunta de Galiza ten obriga de garantir tanto a seguridade e a protección dos traballadores e traballadoras como que os traslados se fagan nas mellores condicións hixiénico-sanitarias para os usuarios e usuarias.

Para garantir a protección do persoal e dos/as usuarios/as, a CIG demanda do 061:

- Que coordine unha avaliación de riscos específica da Covid19 única para todas as empresas.

- Que as medidas correctoras que saían desa avaliación toquen todos os aspectos e sexan iguais en todas as empresas, o que supón a utilización de máscaras FFP2 e respecto á ficha técnica deste EPI en canto a súa reutilización; dispor de batas de protección biolóxica non reutilizábeis, gafas de seguridade ou pantalla facial homologada e luvas de nitrilo e produtos de desinfección de mans presonalizado.

-Que se reforce o servizo de limpeza nas bases

- Que se implemente un método único de desinfección de ambulancias e que esta non se faga na vía pública

- Que se protexa ao persoal especialmente sensíbel e polo tanto se aparte do servizo conforme marcan os criterios do Ministerio de Sanidade.

- Que se estableza un procedemento de actuación igual para todas as empresas en caso de contaxio ou sospeita de contaxio

- Habilitar unha canle de comunicación directa entre a CIG e o 061 para a comunicación de incidencias.