O 061 non facilita datos que pediu a CIG para xustificar a necesidade da ambulancia de reforzo no Morrazo

Rexistrara preguntas sobre tempos reais de espera e uso de vehículos de firmas alleas á concesión
O Morrazo - 03 Nov 2021

“Os datos solicitados non representan unha imaxe da situación do transporte sanitario na comarca do Morrazo, máis ben semellan un intento de distorsionar a actividade dun servizo sanitario que é valorado cun 93% na enquisa de satisfacción dos usuarios”. Deste xeito respondeu o 061 a solicitude feita pola FGAMT-CIG para saber os tempos reais de espera e o número e o tipo de servizos que realizan vehículos alleos á empresa concesionaria, no marco das iniciativas que a central está a levar a cabo para reclamar unha ambulancia de reforzo na comarca do Morrazo.

A CIG acusara o 061 de ocultar datos e de ofrecer cifras de asistencia parciais e incompletas, polo que o pasado 7 de setembro optou por rexistrar unha serie de preguntas diante do organismo público co obxectivo de coñecer a verdadeira situación da asistencia sanitaria urxente extrahospitalaria na bisbarra. 

A central acusa o 061 de ocultar datos e de ofrecer cifras parciais

Ao mesmo tempo, os tres Concellos do Morrazo máis afectados pola falta de reforzo de ambulancia -Cangas, Moaña e Bueu- tamén rexistraron, a petición da CIG, solicitudes de información no mesmo sentido. Por iso a central contactará de novo cos responsábeis municipais para informarlles da negativa do 061 a facilitar os datos solicitados “e contrastar se as peticións efectuadas polos Concellos tiveron a mesma sorte, coa finalidade de decidir unha estratexia conxunta”.

En canto á enquisa que o 061 cita na súa resposta, dende a CIG denuncian que “non se sabe nin quen a fixo, nin en que ano, nin que método se empregou, nin que preguntas contiña”, ao tempo que sosteñen que “en todo caso non se refire ao Morrazo”.

Critican tamén que o 061 se negue a ofrecer os datos solicitados sobre a realidade do transporte sanitario no Morrazo para que a CIG poida interpretalos na súa totalidade, “alegando que podemos empregalos para denunciar aspectos que ao 061 non lle interesa que a cidadanía coñeza sobre como está a ser atendida”.

Preguntas parlamentarias

En consecuencia, intentarán que o organismo público facilite esta información, para o que xa tramitaron a través do BNG unha serie de preguntas parlamentarias nas que se abordan tanto estes aspectos como outros que teñen que ver co uso de vehículos de emerxencias pertencentes a empresas que non son adxudicatarias do servizo de transporte sanitario urxente. 

A CIG aposta por limitar o uso de ambulancias alleas á rede 061

Porque a FGAMT-CIG aposta por limitar na medida do posíbel o uso de ambulancias de fóra da rede do 061 que son contratadas sen licitación e sen ningún tipo de supervisión. Mais o 061 tamén se nega a facilitar datos sobre a cantidade de veces que se empregan este tipo de vehículos, así como das características da asistencia prestada, limitándose a sinalar que se contratan de xeito excepcional e que ademais esíxelles unha declaración responsábel a todas as empresas privadas que non formen parte da rede e cuxas ambulancias necesita mobilizar.

“Para o 061 asinar un documento de responsabilidade cun empresario de ambulancias irresponsábel é garantía suficiente, polo que non precisa exercer as súas funcións de supervisión e control sobre as ambulancias e a titulación do persoal”. Neste senso, lembran que un paciente faleceu recentemente nunha ambulancia deste tipo enviada polo 061 sen que se lle realizase ningún tipo de asistencia ao contar só cun condutor.

Finalmente, censuran que o organismo público obrigue as empresas concesionarias a vulnerar os dereitos fundamentais dos representantes dos traballadores/as “para ocultar a información real sobre a utilización de ambulancias de fóra da rede do 061”.