O 1º de Maio e os mártires de Chicago

Manuel Mera - 28 Abr 2020

A decisión de conmemorar o 1º de Maio tomouse no mes de xullo de 1889 cando o Primeiro Congreso da 2ª Internacional, realizado en París, acordou celebrar esta data, o 1º de Maio, como xornada reivindicativa do proletariado mundial (centrada naquel intre na redución da xornada laboral)

 Este ano non se poderá celebrar con mobilizacións o Día Internacional da Clase Traballadora, na inmensa maioría dos países do mundo, por mor do confinamento que ten como finalidade reducir os efectos da Covid-19, aínda que con seguridade se realizará algún tipo de acción simbólica, nomeadamente por parte do sindicalismo combativo. Hai que se remontar á ditadura franquista, cando as mobilizacións estaban prohibidas, para atopar unha situación semellante. A principios da década dos setenta comezáronse a realizar pequenas concentracións, disolvidas axiña pola policía con métodos represivos; mesmo foi así na primeira etapa do goberno de Adolfo Suárez. Sería no ano 1978 cando se puido realizar por vez primeira con normalidade esta manifestación en todas as cidades galegas dende 1936.

 Sen dúbida ten unha gran importancia para a clase traballadora galega coñecer a súa historia, así como o carácter internacional da loita da clase traballadora contra a explotación, xa que implica posuír coñecementos que permiten mellorar a acción sindical e intervención política, aprendendo dos éxitos e tamén dos erros. Un proxecto liberador sempre moi ligado a outras reivindicacións progresistas, como o dereito de autodeterminación para Galiza, a igualdade, a democracia participativa...

 En relación coa historia das clases populares, no caso galego non se poden esquecer: as revoltas dos obreiros do Arsenal de Ferrol en 1868 e 1972; as folgas xerais da bisbarra da Coruña en 1891, 1901 e 1903; os congresos galaicos portugueses de 1901 até 1903; o paro de 1917; a folga xeral de tres días en toda Galiza, e de 23 días na comarca, contra os despedimentos en 1932 na Construtora Naval (Bazán), os paros no sector pesqueiro e conserveiro, e diante da paralización das obras do ferrocarril; a folga ne solidariedade coa Revolución en Asturias en 1934; o paro de brazos caídos en 1946 na Bazán no ano 1946; as folgas de Ferrol e Vigo en 1972; en 1978 as xornadas de loita contra o Pacto da Moncloa, e en 1984 tres folgas xerais contra a reconversión naval pola iniciativa da ING. E tantas outras loitas dadas pola clase obreira, mais tamén polos labregos e labregas, e no último medio século coa activa incorporación do estudantado.

 Indo ao motivo do artigo, a respecto de cal foi o motivo para que se escollese esta data como representativa da clase traballadora, de referencia simbólica das súas loitas pasadas e presentes, e dos seus obxectivos actuais e para o futuro. A decisión foi tomada no mes de xullo de 1889 cando o Primeiro Congreso da 2ª Internacional, realizado en París, acordou celebrar o 1º de Maio como xornada reivindicativa do proletariado mundial (centrada naquel intre na redución da xornada laboral). No ano 1891 temos referencia da convocatoria dunha folga xeral na Coruña a prol das oito horas de xornada (para unha semana laboral de seis días), en resposta á decisión da 2ª Internacional.

 Lembremos as razóns polas que se escolleu esta data. No ano 1886 o presidente norteamericano Andrew Johnson promulgou a lei que fixaba as oito horas, unha reivindicación central da clase obreira, porén non entrou en vigor. Polo tanto a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio dos Estados Unidos decidiron premer o Goberno mediante unha folga xeral a partir do 1 de maio. Ese día uns 190.000 traballadores declaráronse en folga, outros 150.000 conseguían que a patronal aceptase a reivindicación só coa ameaza de paro, e ademais 50.000 acadarían ese obxectivo antes de que rematase o mes. En Milwaukee a represión policial da folga causou 9 mortos.

 En Chicago ese día 80.000 persoas manifestáronse convocados por Albert Parsons, líder da organización sindical “Cabaleiros do Traballo”. Nesta cidade a patronal fixo lock-out contra o paro, o que agravou o conflito, levando á folga a 40.000 traballadores o 2 e 3 de maio. Coincide que neste último día 6.000 operarios madeireiros se axuntaban para escoller unha comisión de folga, nun conflito paralelo á loita das oito horas, durante o acto escoitaron ao coñecido líder anarquista alemán Auguste Spies. Mentres este falaba un grupo de 200 persoas afastouse da concentración para se enfrontar aos crebafolgas que saían do serradoiro. A policía non tardou en chegar para arroupar os crebafolgas utilizando as armas de fogo. Os folguistas acudiron en axuda dos compañeiros e o mitin disolveuse. Malia que a policía conseguiu dispersar aos concentrados seguiu disparando a eito contra os que fuxían. O resultado: 6 mortos e non menos de 50 feridos.

 O 4 de maio pola mañá a policía disolveu unha marcha de 3.000 folguistas. Polo serán fíxose unha concentración, na que o alcalde da cidade estaba presente para vixiar o acto. Despois de que falasen varios oradores, preto das 22 horas, pola ameaza de chuvia unha parte dos presentes e o alcalde retiráronse. O inspector de policía John Bonfield coa escusa de que o acto xa rematara dirixiuse ao lugar da concentración, con 180 axentes, para dispersar os que alí estaban. Este inspector era odiado en Chicago polos seus antecedentes de brutalidade e sadismo.

 Pola súa banda o capitán Word instou a xente a que se dispersase, porén Fielden contestoulle que o acto fora autorizado, que era pacífico e que aínda non rematara. Nese intre un descoñecido guindou unha bomba contra o grupo de policías, causando un morto e algúns feridos entre estes. Axiña a policía abriu fogo contra os manifestantes, matando a varios e ferindo uns douscentos. Os veciños arrepiados chamaron os médicos e as farmacias ateigáronse de vítimas. Declarouse o estado de sitio na cidade e o toque de queda, e detivéronse indiscriminadamente centos de obreiros e dirixentes sindicais, moitos dos cales foron mallados e torturados coa escusa de saber quen guindou a bomba. A partir dese día a folga deveceu, o 9 de maio só había 80.000 operarios en paro e en Chicago reducíronse a 16.000. En pouco tempo encetou o reaxir da patronal, que en moitas empresas arrebatou mediante lock-out a xornada de oito horas.

 Desde todos os estamentos do sistema culpouse da morte do policía aos dirixentes do movemento folguista. Fíxose un xuízo amañado, no que se violaron todas as normas procesuais. O xurado foi designado a dedo, en lugar de ser ao chou como é habitual. O 28 de agosto sóubose o veredicto de culpabilidade dos oito procesados. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer. Lingg apareceu morto na cela e os outros tres pasaron a súa vida en cadea perpetua (Neebe, Fielden e Schwab). Medio millón de persoas asistiron ao enterro dos catro aforcados, o que amosa cal era o sentir popular neste tema.

 

[Vigo, 27 de abril de 2020]