O 100% do persoal da UTE Tecman-Rayman e Indasa secunda a folga malia os intentos de esquirolaxe

O comité de folga da UTE reuniuse coa Comisión de Auxiliares de Navantia para abordar o conflito
Ferrol - 24 Set 2019

A segunda xornada da folga indefinida no servizo de mantemento de Navantia está rexistrando un seguimento do 100% tanto entre o persoal da UTE Tecman-Rayman como entre o de Indasa, motivo polo que as cabinas de chorreo e pintura de Fene están completamente paralizadas. Porén, malia o éxito da folga e as súas evidentes consecuencias no traballo dos estaleiros, nin as empresas afectadas nin a propia Navantia teñen iniciado ningún contacto coa representación social na procura dunha solución.

Ao igual que no día de onte, hoxe os traballadores de ambas compañías permanecen concentrados dende ás 06:00 horas diante das portar de acceso ás instalacións de Fene e Ferrol en demanda da readmisión dos 15 compañeiros despedidos e na defensa do dereito á subrogación que teñen recoñecido por convenio.

A folga é un éxito incontestábel e por iso Indasa, nun intento de enfrontar o persoal e romper a unidade de acción, vén de despedir a catro pintores alegando que non teñen ocupación porque o persoal das cabinas está en folga. Unha medida que a CIG-Industria rexeita e que terá a súa contestación  tanto pola vía xudicial como sindical.

Pola súa banda, Navantia pretende manter a actividade a toda costa e para isto está recorrendo a todo tipo de manobras, a pesar de que no laudo ditado polo Consello Galego de Relacións Laborais xa se advirte da ilegalidade que suporía substituír o persoal en folga por outros traballadores, ben sexan da principal ou de terceiras empresas. De feito, as centrais sindicais presentaron este martes denuncia na Inspección de Traballo por vulneración de dereitos fundamentais e para que investigue posíbeis esquirolaxes tendo en conta que na xornada de onte houbo un intento de arrincar as cabinas de Fene, malia o 100% persoal que as opera estar en folga.

Reunión coa Comisión de Auxiliares

De xeito paralelo, ante o rearmamento de varias grúas paradas no estaleiro de Ferrol (actividade que realizan os operarios de mantemento das contratas), o comité de folga da UTE Tecman-Rayman reuniuse esta mañá coa Comisión de Auxiliares do comité de Navantia para abordar a situación do conflito, pedir a súa colaboración para coñecer que persoal puido facer este rearmamento e solidariedade no respecto do dereito fundamental á folga dos traballadores das auxiliares.

Nesa reunión tamén se trasladou a preocupación pola conivencia que existe entre Navantia e as súas contratas para baleirar de contido dereitos conquistados, como a subrogación, negociada no convenio de siderometal da Coruña precisamente para dar estabilidade a colectivos que traballan en servizos de carácter permanente.

A reacción da Comisión de Auxiliares foi inmediata e convocou unha asemblea urxente co colectivo de traballadores de planta e mantemento propios de Navantia para abordar a marcha do conflito e instalos a non asumir tarefas que até agora non realizaban, permitindo así que a folga sexa un éxito.