O 100% do persoal das auxiliares de Endesa secunda a folga de 24 horas convocada este xoves

Sumáronse os traballadores/as das obras de adaptación e na empresa principal só houbo servizos mínimos
As Pontes - 19 Set 2019

O 100% dos traballadores e traballadoras das auxiliares de Endesa secundaron a xornada de folga convocada para este xoves. A eles sumouse o persoal das obras de adaptación e os traballadores e traballadoras da térmica, na que se mantivo a actividade só cos servizos mínimos.

Alberte Amado, representante da CIG das Pontes, fixo unha valoración positiva, non só da repercusión da folga, senón tamén da masiva participación do persoal tanto nos piquetes informativos como na manifestación que se celebrou a media mañá. Piquetes que se formaron ás cinco da madrugada, aos que seguiron cortes de tráfico nas inmediacións de Endesa para logo confluír nunha marcha espontánea na que participaron máis de 500 persoas.

Amado denuncia que, en todo caso, houbo 3 identificacións. Unha actuación policial que considera “inxustificada” dada a ausencia de conflito algún.

O representante da CIG lembrou que con esta mobilización séguese demandando a urxente e inaprazable reunión con Endesa “para que esta aclare o que quere facer, as medidas de adaptación que ten previsto adoptar no proceso de descarbonización ou calquera outra alternativa que poidamos ter que minimice o impacto negativo desta situación. Queremos  que nos garanta o seu compromiso co emprego e coa economía da localidade e da comarca”.

Para Amado non se pode seguir adiando esa xuntanza porque “aínda que entremos nun proceso de eleccións estatais, o pobo non pode estar hipotecado. Nós non temos que esperar a que haxa un goberno porque o tempo córrenos igual haxa ou non haxa un acordo en Madrid”. A este respecto matizou que aínda demandando reunións tamén co Ministerio e coa Xunta, “con Endesa é fundamental”.