O 100% do persoal de Celsa Atlantic secunda a folga para esixir un convenio digno e investimentos na fábrica

A folga seguirá o mércores 30 de xuño e os sábados 3 e 10 de xullo
A Laracha - 28 Xun 2021

Os traballadores e as traballadoras da fábrica de Celsa Atlantic na Laracha están secundando este luns a primeira das catro xornadas de folga convocadas para esixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo, cuxas conversas levan meses estacandas pola negativa da empresa a asumir ningunha das melloras trasladadas pola parte social. Así mesmo, con esta medida quérese demandar a posta en marcha inmediata dun plan de investimentos que garanta a viabilidade das instalacións e permita recuperar todas as capacidades produtivas.

A xornade de folga, que comezou ás 06 horas e rematará ás 06 horas do martes 29, está rexistrando un seguimento do 100% do persoal (só entraron os servizos mínimos e a dirección), polo que a actividade produtiva está completamente paralizada. Ademais, dende primeira hora da mañá, un piquete informativo permanece ás portas da fabrica da Laracha, onde se manterán até o cambio de quenda.

A folga continuará este mércores día 30 (tamén será un paro de 24 horas), mentres que para o  sábado 3 e o sábado 10 de xullo a folga desenvolverase das 06h ás 22h.

O presidente do comité, Agustín Méndez, explica que o convenio caducou en decembro de 2019, mais dende entón foi imposíbel achegar posturas coa dirección porque, de maneira sistemática, rexeita calquera das propostas salariais ou sociais trasladadas pola representación sindical, negándose mesmo a unha suba salarial equivalente ao IPC "e iso que somos os traballadores e as traballadoras cos salarios máis baixos do grupo". "Levamos ano e medio negociando e as posturas seguen estando moi afastadas", denuncia Méndez, quen lembra que a planta da Laracha é a única do grupo que non conta cun convenio propio.

Demanda dun plan de investimentos

Xunto ao estancamento das condicións laborais e salariais, o presidente do comité advirte da preocupante falta de investimentos e da nula vontade da empresa para aumentar a carga de traballo, senón máis ben ao contrario, "preténdese reducir a nosa actividade". Explica Méndez que a planta da Laracha ten capacidade para producir un millón de toneladas de aceiro "pero a día de hoxe estamos ao 50% das nosas capacidades e só fábricamos 500 mil". Por iso unha das reivindicacións do comité é a posta en marcha da parte das instalacións que están paradas e un plan de investimentos reais que garantan a viabilidade da fábrica.

Critica que mentres a dirección fala da imposibilidade de investir en Galiza e aumentar a produción por unha suposta falta de mercado, nunha das fábricas de Francia, Celsa Group vén de gastar 60 millóns de euros "para aumentar a produción que nós deixamos de facer".

Méndez denuncia que a crise industrial no sector electrointensivo, a falta dunha regulación enerxética acorde ás necesidades do sector e a vaga aposta dos gobernos "abocan aos cadros de persoa a vivir nunha agonía constante". Unha situación que as empresas aproveitan "para castigar a traballadores e traballadoras precarizando o seu traballo e intentando desta maneira trasladar o saqueo das compañías enerxéticas os de sempre: recortando dereitos, ameazando con despedimentos ou deslocalizando as producións".

Por iso, ante esta incerteza sobre o futuro industrial e a falta de vontade da empresa para recortar as diferenzas nas condicións laborais entre o persoal do grupo, os traballadores e as traballadoras acordaron en asemblea inciar este calendario de folgas que, de non producírense avances, poderíase intensificar nos próximos meses.