O 100% do persoal de limpeza da Cidade da Cultura secunda a folga

Concentráronse diante de edificio, coas súas fregona amarelas, por unhas condicións dignas
Compostela - 27 Out 2022

O 100% das traballadoras e traballadores do servizo de limpeza da Cidade da Cultura -agás os servizos mínimos- secundaron hoxe a folga de 48 horas convocada en demanda de que se dignifiquen as súas condicións laborais. Así o asegurou o representante da CIG, Paulo Rubido, quen advertiu que, de se seguir ignorando as súas demandas, irán máis alá coas mobilizacións.

Coincidindo coa folga, o persoal, de fregonas amarelas caídas, concentrouse nos accesos ao complexo e denunciou a discriminación que sofren respecto do resto de persoal de empresas privadas con concesións de servizos de limpeza da administración autonómica, porque teñen condicións diferentes.

Os traballadores e traballadoras reclaman a súa equiparación co resto de persoal dos servizos de limpeza da administración pública porque, ademais de ter retribucións anuais inferiores, en 2.000 euros, ao resto de persoal que traballa para a administración autonómica, traballan 4 horas á semana máis e non dispoñen de ningún día de asuntos propios. Unha clara discriminación coa que queren rematar e pola que convocaron estas dúas xornadas de folga.

Neste sentido Rubido sinala que o persoal leva anos reclamando que se homoxeneicen as condicións laborais de toda a limpeza da administración autonómica, como efectivamente o están nas instalacións principais, nas catro provincias. Explica que a medida que se van ampliando ao resto de entes dependentes da administración autonómica, tamén lle van aplicando as condicións de equiparación co persoal laboral. “Pódese dicir que practicamente só queda a Cidade da Cultura sen equiparar”, afirma.

Intentos de negociación infrutuosos

O representante da CIG lembra que se solicitou formalmente, hai 8 meses, unha xuntanza coa consellaría de Cultura para abordar esta situación e que fora recollida nos novos pregos a equiparación das condicións laborais, “pero nin contestaron”.

Apunta que, xunto a isto, remitiron un escrito á Valedora do Pobo que contestou e que a raíz da súa apertura de expediente a Fundación Cidade da Cultura convocou á representación do persoal a unha reunión. “Dixeron que ían realizar un estudo económico que presentarían en setembro, pero chegada a data, non presentaron nada e cando lles pedimos unha reunión viñeron dicindo que non ían atender ningún tipo de reclamación”.

Diante desta situación, á vista de que levan un montón de tempo tratando de facer que se escoiten as súas demandas, e que estas son ignoradas, ao persoal non lle quedou máis que recorrer á folga como medida de presión. Polo momento convocáronse estas dúas xornadas mais, como advertiu Rubido, se non se atenden as súas demandas haberá máis.