O 100% do persoal de produción da empresa de reciclaxe de Touro TYRMA secunda a folga

O persoal rexeita a modificación substancial de condicións laborais
Compostela - 11 Dec 2020

O 100% do persoal de produción de TYRMA secundou hoxe a primeira das xornadas de folga convocadas contra a modificación substancial das condicións laborais imposta pola empresa. A folga repetirase os vindeiros martes, día 15 e xoves 17 de decembro.

Segundo explica Eduardo Sebio, membro da executiva comarcal da CIG-Compostela a empresa pretende impor unha modificación das condicións laborais pola que pasarían a traballar cinco quendas diarias con sábados, domingos e festivos incluídos. Isto é, 24 horas ao día os 365 días do ano.

“Houbo preconsultas pero non se chegou a ningún acordo. Por iso o persoal acordou iniciar estas xornadas de folga”, apunta Sebio quen subliña que no caso de acabar por efectivizarse estes cambios “o persoal tiña que recibir unha compensación xusta por ver mudados os seus horarios e xornadas de traballo”.

A empresa de reciclaxe de materiais de plástico TYRMA opera dentro da Mina de Touro. Os 40 traballadores e traballadoras teñen salarios netos que non alcanzan sequera os 1.000 euros. Por iso consideran que de se mudar os seus horarios teñen que ser compensados economicamente e teñen que se lles garantir unhas condicións dignas.

Coincidindo con esta primeira xornada de folga, á que se sumou todo o persoal e coa que conseguiron que as máquinas e a produción parara o 100%, concentráronse diante das instalacións da empresa, contra as 11:00 da mañá, para “que a empresa retire a modificacións substancial ou, no seu caso, que se acorde coa representación dos traballadores/as as condicións desta modificación”.

As xornadas de folga repetiranse desde as 22:00 horas do 14 de decembro até as 22:00 horas do día 15 e desde as 22:00 horas do 16 de decembro, até as 22:00 horas do día 17.