O 100% do persoal secunda a primeira xornada de folga indefinida convocada en Urbaser Ames

A empresa non atendeu as súas demandas na xuntanza celebrada este domingo
Ames - 08 Mai 2023

As traballadoras e traballadores do servizo de limpeza viaria e punto limpo de Ames, concesionado a URBASER, secundan masivamente a primeira xornada de folga indefinida, logo de que fracasara o intento de achegar posturas na reunión in extremis celebrada onte ás nove da noite.

Segundo explica Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, non se chegou a acordo nesa xuntanza porque a empresa “pouco movemento fixo”. Si recoñeceu que no aspecto social presentou unhas “pequenas melloras” que, en todo caso consideraron “insuficientes”, como aumentar o tempo de descanso en cinco minutos, pasando de vinte a vinte e cinco minutos ese descanso ou mellorar os complementos por Incapacidade temporal (IT).

O persoal demandaba un complemento  por IT do 100%, desde o primeiro día, e a empresa o que ofreceu foi un complemento do 90% pero desde o cuarto día. Porén economicamente URBASER mantivo a súa posición argüíndo que, como o contrato non ten revisión, “non teñen capacidade económica para asumir as nosas pretensións”.

Ao remate da xuntanza, a cuxo remate agardaron os traballadores e traballadoras, celebrouse unha asemblea na que o persoal acordou manter a folga que está secundada polo 100% do persoal.

Servizos mínimos abusivos

O concello de Ames publicou o venres un decreto polo que establecía o 50% de servizos mínimos. “Consideramos que é completamente abusivo”, apunta Alonso, quen xa os puxo en mans da asesoría xurídica da CIG para impugnalos. “Cuestionamos a súa legalidade porque nin sequera a empresa se reuniu coa representación sindical para negocialos e se limitaron a recoller o decreto do alcalde”.

O concello xustifica estes servizos mínimos en base á previsión “meteorolóxica a partir do 8 de maio” porque “se prevén no entorno temporal da semana seguinte días con temperaturas en torno aos 20º e alto índice de humidade”.

Fronte a isto Alonso entende que “con eses servizos mínimos o conflito vaise prolongar durante moito máis tempo, xa que non se vai visibilizar a folga na súa totalidade” e agarda que se resolva esta cuestión.

Para mañá teñen previsto convocar unha nova concentración que, desta volta, será ás 13:00 horas.