O 100% do persoal de Noa secunda a folga en defensa dos empregos e das condicións laborais

Concentráronse nas oficinas de Malasa en Cerceda e na sede de Inditex en Arteixo
Fene/A Coruña - 19 Dec 2019

Traballadores e traballadoras de Noa Madera Creativa trasladáronse este xoves até Cambre e Arteixo para mobilizarse en defensa do mantemento dos empregos na planta de Fene e contra da precarización das condicións laborais que pretende impor o Grupo Malasa, dende que no ano 2018 se fixo coa propiedade da empresa. As dúas concentracións realizáronse coincidindo coa xornada de folga convocada hoxe en Noa, que está rexistrando un seguimento do 100% do cadro de persoal.

A primeira hora da mañá, o piquete informativo instalábase diante da entrada de Noa (Polígono de Vilar do Colo), onde só foron traballar a responsábel de Recursos Humanos e o Xerente. Pouco despois, o persoal trasladábase até o Temple (Cambre) para concentrarse diante das oficinas de Comercial Malasa, nas que xa se realizara unha protesta hai un par de semanas, e onde estivo repartindo follas informativas á veciñanza para explicar as razóns do conflito. 

Por volta das dez da mañá, os traballadores e as traballadoras partían cara a Arteixo, para se concentraren na sede de Inditex no Polígono de Sabón, xa que Malasa -que se dedica, entre outras actividades, ao deseño, fabricación e montaxe de mobiliario das tendas- é un dos principais provedores do xigante téxtil.

Desmantelamento da Oficina Técnica

Dende o comité explican que a última manobra de Malasa na súa estratexia para precarizar condicións e equiparalas ás que xa aplica no resto das súas firmas é o desmantelamento da Oficina Técnica de Noa e o traslado de máis de 40 empregados/as ás instalacións de Malasa en Cerceda. Malia que o comité intentou negociar en múltiples ocasións coa dirección, Malasa negouse ao dialogar e impuxo os traslados de maneira unilateral.

De feito, nada máis empezar os rumores sobre un posíbel cambio de centro de traballo do persoal, o comité mantivo unha reunión coa dirección, "que nos negou categoricamente que fose aplicar unha medida deste tipo. Pero ao día seguinte, comezaron a chegar as primeiras cartas comunicando os traslados. Dando unha mostra máis da mala fe e da falta de vontade negociadora coa que Malasa afronta as relacións laborais".

Esta medida, advirten, ademais de supor a desaparición de máis de 40 postos de traballo na planta de Fene (nunha comarca especialmente golpeada polo paro) tamén ten consecuencias sobre o emprego "en moitas outras empresas da zona das que Noa era un dos seus principais clientes". Xunto a isto, Malasa comunicou a varios traballadores e traballadoras a modificación das súas condicións laborais, aducindo a suposta mala situación económica pola que está a pasar a empresa.

Estas aseveracións chocan co feito de Noa ser unha das empresas galegas que experimentou maior crecemento e cos proxectos para inaugurar unha factoría en México que empregará a máis de 300 persoas.

O obxectivo, precarizar as condicións laborais

O comité lembra que dende o primeiro momento, o Grupo Malasa promoveu medidas destinadas a rebaixar as condicións laborais e salariais e tan só un meses despois de adquirir Noa, intentou levar adiante, alegando causas económicas, un ERE extintivo que ía supor o despedimento de preto de 100 persoas. Finalmente, grazas á mobilización e á imposibilidade de xustificar a regulación (Noa viña de bater o seu récord de beneficios) o ERE non frutificou.

Posteriormente, Malasa mudou de estratexia e optou por levar adiante despedimentos individuais e non renovar contratos eventuais, substituíndoos por persoal contratado a través de empresas de traballo temporal en condicións inferiores. Agora dá un paso máis no desmantelamento de Noa, trasladando a Oficina Técnica a Cerceda e modificándolle as condicións a outro persoal.

Pero as traballadoras e os traballadores non están dispostos a consentir que Malasa (caracterizada pola elevada precariedade na que se ten a maioría dos seus cadros de persoal) efectivice o seu plan e levarán adiante todas as accións que sexan necesarias en defensa dos empregos e dos dereitos laborais e salariais.