O 32% dos casos de acoso sexual ocorren no traballo e o 90% das persoas acosadas son mulleres

A Secretaría das Mulleres da CIG desenvolve, este 25-N, unha campaña baixo o lema “É acoso, é violencia machista”

Nacional -

A secretaría das mulleres da CIG desenvolveu esta mañá concentracións en nove localidades galegas para denunciar o acoso que sofren as mulleres no ámbito laboral. Celebrou ademais asembleas en todas as comarcas para abordar este tema que centra a campaña que, baixo o lema “ É acoso, é violencia machista no traballo”, desenvolve a central sindical arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Así o explicou a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro Monteiro, na concentración que tivo lugar en Compostela, onde chamou a atención sobre o incremento alarmante da violencia contra as mulleres neste ano de pandemia, á que engadiu “un tipo de violencia que permanece na sombra, a violencia machista coa que convivimos nos centros de traballo”.

Un tipo de violencia que considerou necesario poñer en primeiro plano porque é “unha violencia silenciadaaté tal punto que “non se recollen dados nas estatísticas, nin se fan campañas institucionais” para a toma de conciencia social.

Considerou que, por iso, “moitas traballadoras non identifican con acoso condutas sexistas normalizadas na cultura patriarcal, como comentarios sexistas, piropos, chistes machistas… que, pola súa intencionalidade e reiteración, poden chegar a constituír acoso”.

Por iso incidiu no recoñecemento das situacións de acoso e na consciencia de que “o acoso é un delito”.

O 90% das persoas acosadas son mulleres

Castro Monteiro lembrou un inquérito da Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea realizado a 42.000 mulleres de 28 Estados, que revela que o 55% foron vítimas de acoso sexual ao menos 1 vez desde os 15 anos e o 32% destes acosos sucederon no contorno laboral, onde o 90% das persoas acosadas son mulleres.

Matizou que, porén, o número de denuncias por acoso é mínimo e que “a inmensa maioría das traballadoras optan por calar por medo a non seren cridas, a represalias e mesmo ao despedimento”.

Xunto a isto recolleu os datos do informe de 2015 da Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo que revela que “no Estado español só se denuncia un 8% dos casos de acoso e na UE a media é de 14,9%”.

Responsabilidade das empresas

A secretaria das Mulleres da CIG apuntou á responsabilidade das empresas porque “moitas incumpren a lei de igualdade de 2007, que obriga a contar cun protocolo para a prevención e tratamento do acoso”, dixo.

E asegurou que “nin a Xunta, nin o goberno do Estado publican datos sobre o número de empresas que implantaron protocolos contra o acoso, nin sobre o número de denuncias interpostas por este concepto na Inspección de Traballo ou no ámbito xudicial”.

Castro Monteiro afirmou que o acoso “atenta contra a dignidade e integridade das persoas, afecta gravemente a saúde de quen o padece e impide a promoción e o desenvolvemento profesional, obrigando en moitos casos ao abandono do traballo”.

A este respecto, e engadindo aos datos anteriores, apuntou que “o acoso por razón de sexo reflíctese en que 8 de cada 10 mulleres din sentirse discriminadas no traballo, con tarefas por debaixo da categoría, trato ofensivo, relegadas na promoción, relegadas na formación”, entre outras.

Por iso urxiu a enfrontar a violencia de xénero contra as mulleres no traballo, “que se coñeza a situación real, exixirmos a aplicación dos protocolos nas empresas, denunciarmos na Inspección de Traballo e nos xulgados”. E instou ás compañeiras e compañeiros presentes a ser “parte activa na exixencia do cumprimento da lei porque o acoso é delito e porque nós si te cremos!”

Como cada 25 de novembro, Nicolasa Castro Monteiro, non quixo esquecer a orixe desta data e lembrou o asasinato, hai 61 anos, das irmás Mirabal na República Dominicana a mans do ditador Trujillo.

Chamamento a participar nas mobilizacións da MMM

A secretaria das Mulleres da CIG concluíu facendo un chamamento á participación nas mobilizacións da Marcha Mundial das Mulleres convocadas para esta mesma tarde.

Volver