O 70% do persoal en quenda de Dinahosting secunda a folga contra a precarización das condicións laborais

Empregados/as da compañía santiaguesa mobilizáronse no centro de traballo de Salvadas
Santiago - 07 Out 2021

O 70% do persoal en quenda de Dinahosting, compañía do sector das tecnoloxías da información e da comunicación con sede en Santiago, secundou hoxe a folga parcial convocada contra a precarización laboral e para reclamarlle á dirección que reactive o convenio de empresa que deixou caer para aplicar o estatal de consultorías, fortemente criticado pola CIG TIC polo seu desfase en dereitos laborais. Coincidindo co paro, un grupo de traballadores/as aproveitou para levar a cabo unha concentración diante das instalacións de Salvadas.

Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, amosan a súa satisfacción polo amplo seguimento que tivo o paro en defensa das condicións laborais, que se desenvolveu de 10:00 a 14:00 horas. Neste tempo, de 12:00 a 13:00 horas, representantes sindicais e empregados/as aproveitaron para concentrarse ás portas do centro de traballo de Salvadas, onde despregaron varias faixas na que se podía ler “O convenio non se toca” ou "Na rúa son o Che, na empresa Pinochet" e berron consignas contra a precarización.

A representación do cadro de persoal explica que as principais reivindicacións pasan por que a empresa reactive o convenio colectivo propio, que o deixou caer, e que mañá venres manteña a xuntanza prevista co comité. “Queremos chegar a un acordo, pero o persoal ten claro que se seguen a precarizar as súas condicións laborais continuará coas mobilizacións”, adianta Alexandre Espinosa, presidente do comité de empresa de Dinahosting.

Ao mesmo tempo, indicou que a representación sindical remitiulles escritos aos grupos políticos con representación no Parlamento galego explicándolles a problemática laboral que padecen, “que vén derivada da non derrogación das reformas laborais de 2012, porque se eliminou a ultratividade, entón decae o convenio”. Neste senso, anuncia que tamén contactarán co deputado do BNG no Congreso español para que lle pregunte ao Goberno por que sigue sen derrogar as reformas.