O mundo do traballo galego volve repetir a tendencia últimos anos, rexistrando unha leve baixada do paro e un aumento das afiliacións á Seguridade Social no pasado mes de xuño vinculadas ao emprego estacional. De feito, os datos publicados hoxe polo Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) amosan que o 80% das novas afiliacións foron mediante un contrato temporal en sectores cos salarios máis baixos e con peores condicións laborais, como hostalaría ou comercio, en pleno inicio do período estival e das rebaixas.
Deste xeito, Galiza contabilizou no último mes un total de 105.355 persoas desempregadas anotadas no SEPE, o que supón 3587 persoas menos e unha redución do 3,3% con respecto a maio. Pola súa banda, a afiliación media á Seguridade Social aumentou un 1%, acadando as 1.123.032 persoas en alta laboral.
Unha vez máis, os postos de traballo que se crean non son nin estábeis nin de calidade
No que atinxe ao réxime xeral, e segundo o tipo de contrato e xornada, foi maioritariamente a través de contratos temporais como se incorporaron as novas afiliacións neste período. Concretamente, o 80% foi mediante contrato temporal, sexa a tempo completo ou parcial.
En consecuencia, e malia a tendencia positiva e a “constante propaganda” dos gobernos da Xunta e do Estado sobre a “suposta recuperación económica e a boa saúde do emprego”, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, denuncia que unha vez máis os postos de traballo que se crean “non son nin estábeis nin de calidade”. Polo que calquera crise futura vai supoñer unha destrución de emprego moito máis acelerada que a propia creación de postos de traballo que se rexistra na actualidade.
Sectores con peores salarios e condicións
De feito, os sectores nos que medra a ocupación son os vinculados ao emprego estacional, con peores salarios e condicións laborais, como a hostalaría e o comercio. Pola contra, o sector da educación perde de novo postos de traballo nestas datas, “o que significa que traballar no ensino non supón ter un emprego estábel ou un contrato fixo, algo que non é aceptábel nunha sociedade que teña a educación como un dos piares fundamentais”.
Fronte a isto, Sío insiste na necesidade de mudar o modelo económico no sentido de que o sector industrial gañe máis peso na economía galega e na creación de emprego, como único xeito de poder afrontar con garantías as próximas recesións e permitir unhas mellores condicións de vida para unha clase traballadora “asfixiada” polo aumento “insoportábel” dos prezos, tanto de bens básicos como da vivenda.