O 80% das/os traballadoras/es de Bosch secunda a folga de 24 horas contra o ERTE en Vigo

Persoal da empresa do sector dos centros de chamadas mobilizouse diante da compañía

Vigo -

A folga de 24 horas convocada polo comité de Bosch para rexeitar o ERTE que a empresa aplica en Vigo está a ter un seguimento maioritario entre o cadro de persoal. Arredor do 80% das traballadoras/es da compañía do sector dos centros de chamadas decidiu secundar unha xornada de paro que aproveitaron para mobilizarse nas instalacións da Avenida de Madrid e de María Berdiales.

“Non é un ERTE, é unha estafa”, “Despidos para os directivos” e “Este ERTE ímolo parar” foron as consignas que máis se escoitaron durante as concorridas concentracións que se desenvolveron diante dos centros de traballo de Bosch na Avenida de Madrid, primeiro, e na rúa María Berdiales, a continuación.

A presidenta do comité de empresa, Laura Pérez Figueroa, da CIG, expresou a satisfacción da representación sindical polo elevado seguimento que rexistra a folga convocada contra o ERE que Bosch está a aplicar dende o mes de febreiro.

Ademais, un nutrido grupo de empregadas/os e delegadas/os sindicais do sector dos centros de chamadas aproveitou a xornada para desenvolver protestas diante das instalacións da compañía, onde despregaron unha faixa e berraron consignas contra o ERE temporal que afecta a 540 persoas.

Volver