O 80% do persoal de Extel vai á folga contra o peche dun servizo e a modificación das condicións laborais
“Estamos ante unha situación gravísima, porque nunca antes nesta empresa sucedeu algo similar”, denunciaba durante a concentración Susana Nogueira, da Sección Sindical da CIG en Extel, para engadir acto seguido que “aplicar o plan que pretende a empresa significa rebentarlle a vida” a moitas das traballadoras e traballadores.
A representante do persoal referíase á proposta formulada pola dirección na reunión celebrada este mércores, na que confirmaba o peche do departamento Emisión Norte (dedicado a vendas para Movistar) o próximo día 31, e a recolocación noutros departamentos das preto de 60 persoas que até agora o atendían.
Iso si, previamente aplicaralles unha modificación substancial das condicións laborais, de modo que todo o persoal de queda de mañá e partida (unhas 40 persoas) pasará a quenda de tarde con fins de semana e ao persoal da quenda de tarde aplicaralle unha modificación horaria entre semana, traballando tamén fins de semana. A empresa, censura Nogueira, non respecta nin as gardas legais.
Por iso, para a Sección Sindical da CIG en Extel, o plan da empresa pode supor para moitas das traballadoras e traballadores afectados ter que deixar o seu emprego “cunha miserenta indemnización por non poder conciliar as súas circunstancias laborais e persoais”.
Neste mesmo sentido tamén se pronunciaba unha das traballadoras afectadas polo peche do departamento, quen apuntaba que boa parte deste persoal é indefinido e do que máis tempo leva na empresa. “Cremos que buscan un despedimento barato”, aseveraba, lembrando que hai traballadoras/es da quenda de mañá ás que cambiaron a Emisión Norte hai sete meses “e agora mándanas para a quenda de tarde, está claro que para botalas”.
Sobre a incidencia da folga, Susana Nogueira, indicaba que hai arredor dun 80% de seguimento en todos os departamentos e no caso de Emisión Norte o seguimento é total. “Estamos aquí para amosar a nosa solidariedade coas compañeiras e compañeiros afectados e reivindicar ante Extel a nosa total oposición ao recorte das nosas condicións laborais”.