O 90% do persoal está secundando a folga en demanda de melloras laborais e salariais en Extel

Traballadores/as concentráronse diante das oficinas da empresa en Matogrande
A Coruña - 31 Mai 2019

Este venres, os traballadores e as traballadoras de Extel volven estar en folga 24 horas para esixir condicións laborais e salariais dignas, que cesen as presións e os despedimentos arbitrarios e que a dirección abra unha negociación real coa representación social. Esta é a cuarta xornada de folga e mobilizacións que o persoal do centro de chamadas de Matogrande realiza neste mes de maio.

A folga deste venres está rexistrando na quenda da mañá un seguimento superior ao das xornadas anterioes, superando o 90% do persoal, dato que para a representación da CIG en Extel dá boa conta "do fartos e fartas que están as traballadoras da situación de abuso e explotación".

A sección sindical critica que, malia este amplo seguimento dos paros e das folgas, a dirección da empresa continúa facendo oídos xordos ás reivindicacións do persoal, que só reclama ter unhas condicións de traballo e unhas retribucións dignas. Neste senso, lembran que o dos centros de chamadas é un dos sectores máis precarizados e os diferentes convenios colectivos asinados non serviron para mudar esta situación.

Presións, despedimentos e pago incorrecto dos incentivos

Co calendario de mobilizacións realizado este mes, quérense denunciar os despedimentos arbitrarios; a carga de traballo excesiva baixo presión constante; o impago incorrecto dos incentivos e as mudanzas aleatorias dos criterios para o seu cálculo; a falta de formación; os impedimentos para conciliar a vida laboral e familiar; os cambios constantes de departamento; que se obrigue a atender chamadas e ao tempo facer trámites administrativos; as malas condicións dos postos de traballo; ou que a empresa non cumpra cos acordos asinados.

Ante a falta de contactos por parte da empresa, dende a sección sindical da CIG xa avanzaron que "seguiremos loitando até que cedan a negociar para mellorar as nosas condicións laborais".