O abandono da Xunta de Galiza do PP en materia de prevención de riscos laborais cronifica a peor sinistralidade laboral no noso país
Neste 28 de abril, Día internacional da seguridade e saúde no traballo, atopámonos novamente que, segundo os últimos datos sobre accidentabilidade do ano 2024, proporcionados polo propio Ministerio de Traballo en relación aos índices de incidencia de accidentes mortais en xornada de traballo por Comunidades Autónomas, Galiza segue a ser (só por detrás de Nafarroa cun 6,24%), líder absoluto no índice de incidencia de accidentes mortais, rexistrando o 6,19%, practicamente o triplo de índice de incidencia de comunidades como Madrid (2,16) ou Catalunya (2,26). Isto significa que cando unha persoa traballadora galega acude ao seu traballo, ten case un 300% máis de posibilidades de morrer nun accidente que unha persoa traballadora na Comunidade de Madrid ou en Catalunya.
A alta sinistralidade laboral que sofre a clase traballadora galega segue a ser un problema de gran alcance e repercusión na nosa Terra, debido por unha banda ao elevado índice de accidentes mortais nos últimos anos, moi por enriba da media estatal, e, por outra, ao gran número de incapacidades laborais que producen as deficientes políticas de prevención de riscos laborais implementadas nos centros de traballo do noso país.
Efectivamente a inacción política e a total falla de interese do actual Goberno galego do PP na Xunta de Galiza por resolver este problema, están a cronificar e facer estrutural unha alta sinistralidade laboral, mantendo a Galiza nos últimos anos no podio permanente das CA con maior incidencia de accidentes laborais con resultado de morte.
A inacción política e a total falla de interese da Xunta por resolver este problema, están a cronificar e facer estrutural unha alta sinistralidade laboral en Galiza
A estendida precariedade laboral -en gran parte provocada polos contratos laborais realizados pola propia Xunta de Galiza (4 de cada 10 traballadores/as temporais), sen contar o ensino ou o SERGAS- o sistemático e recorrente incumprimento por parte de moitas empresas da normativa de prevención, o baixo número de actuacións de inspección, a falla de sancións exemplares ás empresas incumpridoras, a nula vontade política do PP da Xunta para resolver este problema e as cativas e/ou inexistentes campañas públicas en materia de prevención de riscos laborais, fan de Galiza un territorio senlleiro en materia de sinistralidade laboral, especialmente no que atinxe a accidentes laborais de carácter mortal.
Os datos de sinistralidade laboral referidos ao pasado ano 2024 constatan que en Galiza se está a producir un importante aumento dos accidentes de traballo de carácter grave e, especialmente, nos de carácter mortal, que se incrementan nun significativo 16% en relación ao ano 2023. Isto vén a significar que os mecanismos preventivos non están a funcionar e a prevención de riscos laborais segue a ser unha materia pendente no noso país.
Promover cambios de mellora normativa en materia de PRL; aumentar os recursos humanos e materiais da Inspección de Traballo e do persoal técnico habilitado do ISSGA en materia de inspección preventiva co fin de reforzar o número de inspeccións e o cumprimento da normativa preventiva; destinar máis recursos ás fiscalías de sinistralidade laboral de Galiza; a creación de novos xulgados especializados; e a redución dos tempos para a obtención de resolución e sentenzas serían sen dúbida, entre outras, medidas efectivas para unha importante mellora da prevención de riscos nos centros de traballo do noso territorio.
Os datos de sinistralidade laboral referidos a 2024 constatan un importante aumento dos accidentes graves e, especialmente, os de carácter mortal
En 2023, a sinistralidade laboral en Galiza aumentou nun 7,1% en relación ao ano 2022, con 27.274 accidentes que xeraron baixa.
No que atinxe ao pasado ano 2024, a alza dos accidentes laborais con resultado de morte respecto ao ano 2023 foi dun significativo 16%, con especial incidencia no que se refire ás persoas asalariadas con contratos temporais, onde o incremento foi dun estratosférico e completamente inasumíbel 166%.
Así as cousas, 58 persoas traballadoras morreron en Galiza en accidentes laborais, 8 máis que no anterior ano 2023. Importante incremento este, que segue situando o noso país como unha das CCAA con maior incidencia de accidentes mortais entre a súa clase traballadora.
Por sectores, o sector servizos é o que acumula máis persoas traballadoras falecidas durante o ano 2024: foron un total de 23, once máis que no caso da construción (12 mortos), a industria (nove) e a pesca ou agricultura (sete en cada caso). Todos os sectores rexistran aumentos de persoas falecidas en Galiza durante o exercicio, salvo agricultura que se mantén igual que o ano anterior.
Por provincias, Pontevedra é a que rexistrou máis mortes en accidentes de traballo (23, oito máis que no ano anterior). Séguea A Coruña, con 20 (dúas menos), ou Lugo, que rexistrou 13 (cinco máis). Ourense pecha a lista coa menor cifra, dúas persoas traballadoras mortas (tres menos).
O sector servizos é o que acumula máis persoas traballadoras falecidas durante 2024, cun total de 23
Por tipoloxía, 26 casos foron por infartos ou patoloxías non traumáticas. Con todo, tamén houbo 11 choques ou golpes contra obxectos en movemento; dez atrapamentos e amputacións; sete caídas e golpes con esmagamento contra obxectos inmóbiles; dous contactos con corrente eléctrica, lume ou substancias perigosas; un afogamento ou sepultamento e un contacto con obxecto cortante ou punzante.
Se atendemos ao tipo de contratos, resalta extraordinariamente a cifra de persoas traballadoras eventuais que sufriron un accidente mortal. Aínda que dos 58 traballadores/as que morreron en accidente o pasado ano 2024, 44 eran indefinidos/as, no caso dos/das temporais o incremento foi do 166,7%, ao pasar de tres mortes a oito, unha alza esta que en gran medida se pode dar pola escasa formación ou preparación para desenvolver certo tipo de traballos, o descoñecemento en profundidade dos riscos específicos asociados aos seus postos e centros de traballo, as características e perigos das actividades que están a desenvolver, e a falla dunha información e formación preventiva axeitada e suficiente para poder traballar cunha seguridade mínima esixíbel.
No caso das persoas traballadoras por conta propia, no ano 2024 foron seis as falecidas por accidente laboral.
Se atendemos ao sexo, 53 sinistros con resultado de morte afectaron a homes e 5 sinistros afectaron a mulleres, experimentando este colectivo un incremento da sinistralidade mortal do 25% en relación ao ano anterior. Así mesmo, houbo 27.146 accidentes laborais con baixa (un cativo 0,47% menos que no ano 2023), dos que 19.153 corresponderon a homes e 7.993 a mulleres.
En relación aos accidentes graves, estes aumentaron nun 13,7%, até un global de 414 accidentes (50 máis que no ano anterior), mentres que os accidentes leves se reduciron lixeiramente (-0,69%), con 26.674. Aquí sobresaen os 177 sinistros deste tipo no sector servizos (+26,4%), ao que seguen: 108 na construción (+4,8%); 71 na industria (+6%), 33 na agricultura (+37,5%) e 25 na pesca (-16,7%).
Por sexo, do total de 414 accidentes graves, en 342 ocasións afectaron a homes e en 72 a mulleres. Iso si, o aumento entre o sexo feminino neste apartado é do 20%, maior que o repunte do 12,5% no sexo masculino.
Galiza é, desde hai xa demasiados anos, unha das CCAA con maior índice de mortes en accidentes laborais en relación ao seu número de persoas traballadoras. No ano 2019 o indicador situouse nas 5,4 mortes por cada 100.000 persoas traballadoras, practicamente duplicando a media do Estado (2,91%), o que quere dicir que unha persoa traballadora galega tiña daquela e podería ter agora o dobre de posibilidades de morrer nun accidente de traballo que a maioría das persoas traballadoras no conxunto do Estado. Así as cousas, en Galiza seguimos a ter moito polo que loitar.