
O alcalde de Santa Comba négase a reunirse coas traballadoras do SAF mentres se acumulan as denuncias por discriminación laboral

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santa Comba denuncian a negativa reiterada do alcalde a manter reunións para abordar cuestións fundamentais como a Relación de Postos de Traballo (RPT) e outras condicións laborais que afectan directamente á calidade do servizo e ao benestar do persoal.
Esta falta de vontade para o diálogo está a xerar un clima crecente de descontento entre as traballadoras, que denuncian situacións de discriminación en aspectos clave como a xornada laboral, os descansos e o recoñecemento da antigüidade. Algunhas traballadoras, malia contar coa antigüidade necesaria, non están a percibir os trienios que lles corresponderían, a pesar de telos solicitado en reiteradas ocasións. Esta desigualdade interna está a levar a un crecente malestar.
Ademais, as traballadoras denuncian que realizan tarefas en sábados e festivos sen recibir compensación algunha, nin económica nin en tempo de descanso. Outra das prácticas preocupante é o uso dos teléfonos móbiles persoais para tarefas laborais, incluída a xeolocalización. Esta imposición, realizada sen acordo previo, pode vulnerar a legalidade vixente, en particular no relativo ao dereito á intimidade e á protección de datos.
A gravidade da situación levou á representación legal das traballadoras a presentar máis dunha denuncia ante a Inspección de Traballo, reclamando a intervención das autoridades competentes para frear estas prácticas e garantir o respecto aos dereitos laborais.
A CIG considera que resulta inadmisible que, tras unha pandemia que puxo en valor o papel esencial do coidado, as profesionais do SAF de Santa Comba non poidan sequera obter unha reunión co alcalde para tratar as súas condicións laborais.