O anteproxecto de orzamentos da Xunta mantén os recortes ao profesorado e ao ensino público

CIG-Ensino denuncia que mantén a regresión de dereitos da última decada
Nacional - 17 Out 2019

A CIG-Ensino vén de denunciar que o anteproxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para 2019 mantén os recortes para o profesorado e o ensino público. Ademais asegura que o borrador, que foi presentado aos sindicatos na Mesa Xeral das Administración Públicas, non contén ningunha novidade e mantén a regresión de dereitos da última década.

“Non sabemos se estes serán os últimos orzamentos da era Feijóo ou un punto e seguido. Mais o seu trámite comeza exactamente igual que en todos os exercicios anteriores: imposibilidade de negociación, o simple cumprimento preceptivo  e litúrxico da presentación ás organizacións sindicais e mantemento dos recortes tanto a nivel laboral como de políticas educativas O inmobilismo que leva caracterizando a este goberno desde a implantacións dos recortes de dereitos máis lesivos para o persoal docente e non docente da Xunta de Galiza é marca da casa. ”, sinala o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Na Mesa Xeral na que os directores xerais de Orzamentos e Función Pública presentaron o anteproxecto de lei de orzamentos, a CIG-Ensino centrou a súa intervención na crítica ás formas e ao fondo das contas que presentou a Xunta ao respecto do profesorado do ensino público. Estes foron os temas que salientaron:

  • A suba retributiva non serve para recuperar poder adquisitivo e será menor a tan cacarexada polos gobernos e os asinantes do pacto retributivo a nivel do Estado. A non ser que o Goberno estatal publique antes de xaneiro un Real decreto Lei aplicando a suba do 2%, en xaneiro comezaremos co salario conxelado. Cobrariamos esa suba mais adiante, cando houbese orzamentos no Estado cos  atrasos desde xaneiro e teriamos que agardar a ver se o PIB chega ao 2,1% a finais de ano para saber se soben un 0,2% adicional ou non. O que xa todos recoñecen agora é que non imos chegar ao incremento do 3% que se nos vendeu polo goberno de Rajoy e os sindicatos estatais, ao estaren previsións moi lonxe do 2,5% de incremento do PIB que se sinalaba como requisito.
  • As pagas extras seguirán sendo incompletas. Nas extras todo o funcionariado cobra desde o 2012 as extras recortadas. Foi o recorte daquel ano do 5% das nosas nóminas aplicado polo goberno Zapatero e que nunca recuperamos. Este recorte implica cobrar 903,66€ menos ao ano no caso dun docente do grupo A1 e 553,42€ dunha mestra do grupo A2, en ambos casos sen antigüidade. As mesmas persoas con 30 anos de experiencia perden 1251,46€ (A1) e 754,02 (A2).
  • A recuperación do horario lectivo do profesorado galego (18 horas en secundaria e 21 en primaria), coa devolución dos dereitos arrebatados coa escusa da crise, implicaría unha repercusión orzamentaria, xa que levaría consigo  un incremento de postos de traballo, con maior impacto nos corpos de secundaria e moito máis reducido no corpo de mestres, xa que na maioría dos casos os catálogos non se modificaron malia aumentar as horas lectivas. No borrador das contas da Xunta non figura un incremento de docentes.
  • A atención á diversidade está cada inicio de curso marcando as carencias que temos para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O acordo de cadros de persoal de 2007 permite aumentar os postos de traballo definitivos vinculados á educación especial (audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica). Demandamos unha maior dotación destes postos de traballo.
  • As ratios son un claro problema do sistema educativo galego. Mentres o datos oficiais ofrecen unha ratios boas (produto do elevado número de centros e a súa dispersión) a realidade é que temos aulas saturadas no medio urbano e con aulas mixtas no medio rural. É preciso reducir as ratios, especialmente cando hai alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou repetidores. Tamén é unha necesidade recuperar e ampliar os desdobres na ESO e o Bacharelato. Todo iso precisa un incremento orzamentario que non aparece por ningures.
  • O pagamento do verán ao profesorado substituto que traballou cinco meses e medio segue anulado. É un dereito arrebatado no 2012 e baixo uns criterios contidos na propia Lei de Orzamentos que a día de hoxe non se cumpren. Malia iso, figura de novo no anteproxecto de lei que non se efectuará ese pagamento.

Incremento da axudas para o galego no ensino público. A situación do noso idioma, tal e como recolle o último inquérito do IGE, é de emerxencia lingüística. Para alén de medidas que non teñen repercusión orzamentaria, como é o caso da derrogación do decreto de plurilingüísmo e a aposta do noso idioma como lingua vehicular, hai partidas para o fomento e uso do noso idioma que merecen un incremento importante. As axudas actuais non chegan a cubrir o 20% das axudas solicitadas polos centros.