O BBVA comunica a apertura do proceso de negociación do ERE mentres a CIG se mobiliza na defensa dos postos de traballo

A sección sindical reclama o mantemento de todo o emprego e dos servizos á clientela
Vigo - 13 Abr 2021

Mentres a sección sindical da CIG levaba a cabo hoxe unha nova mobilización, nesta ocasión en Vigo, polo mantemento dos postos de traballo e contra a restrición de servizos á clientela que afecta gravemente ao emprego no BBVA, a dirección do banco comunicou o inicio dun proceso negociador este venres 16 de abril para abordar a reestruturación da entidade financeira.

“Semellaba que ían seguir negando as súas intencións até despois de celebrada a xunta xeral de accionistas, pero vese que non puideron manter a negación da evidencia por moito máis tempo, e tamén polas distintas noticias que van saíndo nos medios de comunicación”, sinalan dende a sección sindical da CIG no BBVA.

Ao mesmo tempo, sosteñen que non existen motivos para prescindir de persoal, tendo en conta que a entidade presentou unha conta de resultados con 1320 millóns de euros de beneficios no cuarto trimestre de 2020 (“segundo o banco, o mellor resultado trimestral en dous anos”).

Ademais, vendeu a súa filial en Estados Unidos, o que lle supuxo unha achega de 8500 millóns de euros. “E non hai que esquecer que foi o persoal que agora queren despedir o que realizou unha ímproba labor durante a pandemia, e que segue a realizar a día de hoxe, dando a cara diante da clientela, a mesma clientela á que queren expulsar das oficinas, e da que collen os aforros e acribillan a comisións”.

Diante disto, anuncian que a central sindical estará presente mesa de negociación “para pelexar polos postos de traballo, pois no banco non sobra ninguén; máxime tendo en conta que a clientela segue demandando servizos presenciais e atención directa por persoas, pese aos procesos de dixitalización forzada e forzosa á que a quere someter o banco”. Mais adiantan que seguirán a mobilizarse para denunciar “as actuacións inmorais” do banco e na defensa do emprego.

De feito, hoxe mesmo tivo lugar unha desas mobilizacións, con concentracións diante da sucursal do BBVA na rúa Urzaiz 177 e ás portas da oficina principal da entidade, situada na rúa García Barbón número 2.

O banco restrinxe servizos para xustificar o ERE a 3000 persoas

Dende a sección sindical da CIG no BBVA denuncian que a entidade financeira ten en marcha unha política de restrición de servizos que afecta gravemente á clientela e coa que pretenden xustificar os despedimentos:

-Cobra dous euros de comisión a quen retira da propia conta, unha comisión inxusta que afecta fundamentalmente ás persoas maiores e en xeral ás que teñen dificultades co usos dos caixeiros. A Dirección do BBVA padece xerontofobia. Nós queremos seguir prestando servizo, o que ademais é unha garantía dos nosos postos de traballo.

-Elimina o servizo de caixa das oficinas ou restrinxe o seu horario de 8:00 a 11:00 horas. Unha medida que toma de acordo coa competencia, doutro xeito non podería facelo. A CIG denunciou esta restrición dos horarios de atención á clientela na Audiencia Nacional, a xustiza española fallou novamente a favor da banca, incluso alegando que esta restrición é para mellorar o servizo. Burros e apaleados.

-Pecha oficinas e reduce os postos de atención á clientela. Trasladan a clientela ás oficinas que decide o banco, normalmente xa sobrecargadas e con restricións o que provoca colas.

-As colas son unha falta de respecto cara a clientela; estar de pé pasando frío, calor, baixo a choiva ou con xeada é inhumano. Normalmente quen sufre esta situación é a xente maior. Cando se fai para que a clientela se aburra e opte pola banca dixital é repugnante.

-Este proceso xa ten un efecto laboral inmediato, co traslado dunha parte do cadro de persoal a departamentos de traballo a distancia, que teñen incerto futuro e cun anuncio de destrución de emprego: un ERE para 3000 persoas.