O BNG trasladará ao Congreso a proposta da CIG de derrogación das reformas laborais

Contempla volver ao regulamento anterior a 2010 mentres non se aprobe a nova lexislación

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, mantivo esta mañá unha xuntanza co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para trasladar a proposta da central sindical de derrogación inmediata das reformas laborais de 2010, 2011 e 2012 e a entrada en vigor do regulamento anterior en tanto non se aprobe unha nova lexislación. Unha proposta que foi recollida polo deputado nacionalista que anunciou, na a rolda de prensa posterior á xuntanza, que presentará unha Proposición Non de Lei no Congreso dos Deputados e Deputadas nesta liña.

Carril agradeceu a Rego o compromiso do BNG de trasladar unha iniciativa “coa que se dá voz a unha demanda do mundo do traballo” que vén de lonxe mais que se vén facendo de forma máis intensa nos últimos meses por mor do endurecemento, coa pandemia, da crise industrial e social que xa padeciamos en Galiza.

O secretario xeral da CIG considerou urxente a derrogación das reformas laborais que se iniciaron con Zapatero en 2010 e que continuou “de forma máis contundente e brutal Raxoi” porque atentan “contra o dereito ao traballo e contra o dereito a poder vivir dignamente dun posto de traballo na Galiza”.

Lembrou que tiñan como único obxectivo “abaratar e facilitar o despedimento, desmantelar a negociación colectiva e individualizar as relacións laborais”, o que provocou un “absolutamente desolador panorama de empobrecemento xeralizado do conxunto das maiorías sociais” mentres se garantía “o poder absoluto do capital á hora de tomar decisións”.

Saqueo das maiorías sociais

Por iso denunciou que mantelas aínda en vigor permite que se vaia consumando unha saída a esta crise só favorable aos intereses do capital, máis coa sucesión de EREs e de ERTEs que se están a producir en Galiza. “Corremos o risco de volver a vivir un saqueo ao conxunto das maiorías sociais e aos xa reducidos e minguantes dereitos sociais”.

Carril denunciou que as decisións políticas no ámbito lexislativo “están sendo lentísimas” e que, pola contra, “as decisións empresariais están correndo a unha velocidade de vertixe”. Como exemplo puxo os diferentes ERES que se veñen presentando no sector financeiro ou no chamado proceso de descarbonización ou dixitalización da economía, que “están a provocar cambios moi bruscos no tecido produtivo e a se converter en auténticas ameazas para moitas comarcas e moitos sectores da clase traballadora do noso país. Unha auténtica demolición e, para nada, unha transición” facilitada pola permanencia en vigor destas reformas.

Diálogo social

O secretario xeral da CIG cualificou como “lamentable” que o diálogo social se teña convertido “no enterrador dos dereitos laborais e de calquera expectativa de saída da crise sobre a base dunha dignificación das condicións de traballo no noso país” e denunciou as posibilidades enormes que dá á patronal “de ter outro instrumento para reducir salarios e empeorar as condicións de traballo”.

Nese sentido, apuntou á sucesión de acordos sociais dos chamados ERTES que, afirmou, “permitiron reiventar e reimplantar unha das peores versións da reforma laboral, porque nin garantiron os mínimos ás persoas traballadoras, nin o problema da tremenda eventualidade que vivimos, máis ben ao contrario”.

Xunto a isto sinalou que tamén é fundamental para a CIG a derrogación das reformas laborais porque fronte ao Marco Galego de Relacións Laborais, “constitúen un intenso e demoledor proceso de centralización das relación laborais, quer na negociación colectiva, quer na discusión sobre as condicións de traballo”.

Incumprimento do acordo de investidura

Na súa intervención, o deputado do BNG, Néstor Rego avanzou o compromiso de presentar unha proposición non de lei para o seu debate no Congreso, polas consecuencias lesivas que as reformas laborais tiveron para a clase traballadora.

Asegurou que un ano e medio despois “non é xustificable que non estea cumprido o compromiso adquirido co BNG no acordo de investidura” e denunciou que non se tomara en consideración a proposta presentada para recuperar a autorización administrativa nos despedimentos colectivos. “Xa se ve como se pasou dos ERTE aos ERE”, dixo en referencia ao sector bancario e ás mobilizacións masivas que está protagonizando o seu persoal contra o seu despedimento.

Rego afirmou que a Ministra de Traballo “tiña que ter cumprido o compromiso adquirido”. Considerou que “tivemos paciencia máis que suficiente” e pediulle “que se pase da propaganda á realidade”.

Volver