O Brexit visto desde a perspectiva da loita contra o neoliberalismo

Dragan Plavšić - 12 Abr 2019

Máis aló da conxuntura poderemos comprobar que as tremendas dificultades, en torno ao Brexit, son a manifestación dunha profunda crise do neoliberalismo, que no caso do Reino Unido debilitou a posición da clase dominante e a súa influencia no mundo

 Cando o coñecido ilusionista Uri Geller (experto enganador en dobrar culleres) enviou unha carta a Theresa May ofrecendo usar os seus poderes telepáticos para deter o Brexit, semellaba que a política británica chegara ao máximo do surrealismo.

 Porén, esa trapallada non foi a última. O máximo dos absurdos foi o momento en que a señora May ofreceu a súa renuncia aos parlamentarios do seu partido para que apoiasen o acordo coa UE. Así e todo, para o abraio mundial esta sorte de suborno non funcionou e pareceu o punto alto da incompetencia.

 E para non ficar atrás, algúns parlamentarios laboristas estiveron correndo a súa propia carreira nesta maratón de comedias políticas.

 Nunha manifestación recente, o deputado laborista Tom Watson prometeu facer todo o contrario do que pensa e votar por un acordo ao que se opón. Mentres tanto, Caroline Flint dixo que votaría a favor porque “protexe os dereitos dos traballadores”.

 O intento de Caroline Flint de lle dar unha aire de esquerda ao acordo de May é simplemente outra fraude política. A parlamentaria laborista parece esquecer que os obxectivos do acordo da señora May son basicamente dous: aliñar ao Reino Unido coa UE en torno ao neoliberalismo e colocar todos os atrancos posíbeis a un hipotético goberno liderado por Jeremy Corbyn.

 O Brexit é algo máis que o Brexit. A lóxica que pretende explicalo fóra de contexto está fóra de toda lóxica. Mirando un pouco máis aló da conxuntura poderemos comprobar que as tremendas dificultades, en torno ao Brexit, son a manifestación dunha profunda crise do neoliberalismo, que no caso do Reino Unido debilitou a posición da clase dominante e a súa influencia no mundo.

Un panorama máis amplo

 Para entender o que se está xogando necesitamos unha perspectiva que explique o longo devalar de Gran Bretaña. A súa prolongada decadencia (acelerada despois das folgas dos mineiros de mediados dos 70 do século pasado) ofrece razóns suficientes para abrigar serias sobre dúbidas a capacidade da clase dominante para seguir gobernando.

 Esta crise histórica maniféstase, entre outros factores, no feito de que Alemaña e EUA creceron o dobre que o Reino Unido desde finais do século 19, provocando que o outrora gran Imperio Británico vaia de xeito constante costa abaixo como polo de competencia económica global.

 Custou dúas guerras mundiais que EUA se transformase no poder global dominante. O resultado foi que Gran Bretaña se vise acantoada a unha situación moi diminuída e se transformase nun obediente colaborador do nacente imperio estadounidense.

Solucións á crise do ex-imperio británico?

 Ás crises nunca lles faltan propostas para resolvelas, pero a pregunta chave é quen propón a solución e por que. Na década de 1970, a clase dominante británica tomou a iniciativa cun conxunto de políticas deseñadas para deter caída global do Reino Unido e evitar futuras crises.

 A primeira decisión foi unirse, en 1973, á entón Comunidade Económica Europea para obter beneficios económicos. (O Reino Unido aínda gozaba de poderío en tres sectores estratéxicos: na Mancomunidade postimperial, no Consello de Seguridade das Nacións Unidas e na OTAN, onde ocupa o segundo lugar logo de EUA).

 A elección de Margaret Thatcher como Primeira Ministro en 1979 trouxo a gran segunda decisión: neoliberalizar Gran Bretaña. M. Thatcher converteu os beneficios sociais en cargas individuais, transformou as empresas estatais en negocios privados e trasladou o peso da seguridade social ás costas da clase traballadora. O seu obxectivo era desregular e “liberalizar” para competir globalmente.

 Nos corenta anos subseguintes vivimos unha crise económica tras outra, pero ningunha tan dramática ou potencialmente catastrófica como a caída de 2007-2008. Esta última crise do capitalismo neoliberal é o resultado directo de anos de desregulación especulativa, especialmente no sector bancario. Despois de máis dunha década foron os traballadores, e non os banqueiros, os que aínda soportan os custos dunha feroz austeridade.

 Unha resposta política á crise foi o crecemento do partido UKIP, que explotou o descontento e tratou de canalizalo cara a un anti-europeísmo racista e xenófobo. Á súa vez, o seu ascenso deu folgos á dereita Tory euroescéptica que presionou a Cameron para realizar un referendo acerca da pertenza na Unión Europea.

 A súa decisión foi un erro de cálculo homérico. Cameron non entendeu que o apoio provisional ao Partido UKIP eran simplemente unha expresión dun descontento xeneralizado provocado polos rigores da austeridade. Un malestar que nin os neoliberais nin a UE, son capaces de remediar coas súas impopulares políticas.

 Mais o aumento electoral do UKIP tamén foi posíbel debido á falta dunha alternativa de esquerda capaz de encabezar ese descontento. Era a época en que os laboristas estaban comprometidos co blairismo neoliberal.

 Finalmente a amplitude e profundidade do descontento atopou unha voz que os representase, Jeremy Corbyn. Activistas e simpatizantes radicalizados derrotaron o blaibarismo e gañaron o Partido Laborista para unha política que poña fin da austeridade. Neste sentido, o “Corbynismo” veu representar a expresión política do profundo descontento coa austeridade e as políticas neoliberais.

A cuadratura do círculo

 O referendo de 2016 e os resultados das eleccións xerais de 2017 foron o resultado dese descontento. Este xiro levou os conservadores e a clase dominante ao desconcerto e á desorde.

 De súpeto os neoliberais víronse tentando xestionar dúas complicadas contradicións: a economía e a política ían en direccións completamente opostas e asomaba unha ameaza desde a esquerda que non se viu nos últimos 40 anos.

 A primeira contradición débese ao feito de que a maioría da clase gobernante (a City de Londres e as corporacións multinacionais) están a favor de permanecer na UE, pero as grandes decisións políticas escaparon do seu control.

 Desde esta perspectiva o intento de May de cadrar o círculo esixe unha ruptura aparente coa Unión Europea para que os Tories se presenten na próximas eleccións como os grandes “liberadores”. (A señora May está desesperada non tanto pola súa reputación persoal, senón por obter unha vantaxe política fronte a Jeremy Corbyn nas seguintes eleccións).

 A segunda contradición é Irlanda do Norte. Desde o seu territorio prodúcense o 31% das exportacións á UE. Como obviamente Irlanda perde co Brexit os desexos de cadrar o círculo levaron o líder irlandés, Nigel Dodds, a declarar que prefire ficar na UE.

 Estas contradicións explican por que a señora May non foi nin forte nin estábel. A súa incompetencia para xestionar a crise é evidente. Noutra época sería destituída hai moito tempo; porén, segue no posto porque a súa desaparición política pode levar a Jeremy Corbyn ao número 10 de Downing Street.

O neoliberalismo, a loita de clases e un Brexit popular.

 Por suposto, o Brexit de Theresa May é un Brexit neoliberal. Para os euroescépticos do Partido “Tory” o Brexit debería ser un Brexit súper-neoliberal. A súa opinión é que a actual crise é un fracaso porque non se implementaron todas as receitas neoliberais; en política internacional esta facción mira con admiración o goberno de Trump.

 E logo están os neoliberais que queren un segundo referendo para manter o statu quo. Son unha mestura de conservadores, demócratas liberais e partidarios de Blair que de feito foron núcleo duro do neoliberalismo. Noutras palabras son o extremo centro, cuxos parlamentarios lograron mobilizar a un sector da burguesía ás rúas.

 O que teñen en común todos eles é o seu compromiso coa globalización neoliberal. Un compromiso que lles imprime de forma indeleble o seu carácter de clase dominante, xa que a loita de clases vira en torno a unha cuestión moi diferente. Ao noso parecer é a seguinte o pobo británico será capaz de poñer fin ao neoliberalismo ou seguirá sometido por este modelo capitalista? Isto implica que todas as manifestacións políticas deben verse a través desta perspectiva, incluído, por suposto, o Brexit.

 Aínda que “Corbynismo” representou, até o momento, unha ruptura co neoliberalismo na política continxente ocorreu algo aparentemente disonante. Os ataques contra Corbyn non foron dirixidos contra a súa oposición ao neoliberalismo (as súas políticas son demasiado populares para iso); no seu lugar centráronse en presionalo para que comprometa co acordo de May coa UE. A razón é clara: un acordo coa Unión Europea é ao mesmo tempo un acordo co neoliberalismo.

 Agora ben, se o “Corbynismo” quere ser fiel co descontento popular ten que avogar por un Brexit do Pobo que proporcione a un futuro goberno a liberdade necesaria para rematar cos devastadores corenta anos de neoliberalismo.

 Un Brexit do Pobo é, xa que logo, a única alternativa, tanto contra os neoliberais que desexan abandonar a UE, como contra os neoliberais que queren permanecer na Unión Europea.

 Efectivamente, o adianto das eleccións son a opción máis temida por todas as faccións neoliberais do parlamento.

 Xa que logo, canto antes teñamos eleccións xerais mellor será para o pobo británico.

 

[Artigo tirado do sitio web Krítica, do 7 de abril de 2019]