O persoal de Maderas Iglesias convoca protestas diante dos constantes incumprimentos da dirección

A compañía porriñesa está en situación crítica por mala xestión e mantén débedas cos empregados/as
Vigo - 27 Set 2017

O comité intercentros de Maderas Iglesias, compañía porriñesa dedicada á fabricación de tarima flotante, anunciou hoxe a convocatoria de mobilizacións diante dos constantes incumprimentos da dirección, que segue sen atopar unha saída á crítica situación que atravesa a empresa dende hai sete anos e mantén débedas co cadro de persoal. Como primeira medida este sábado levarán a cabo unha manifestación, aínda que non descartan convocar folga en días alternos ou mesmo indefinida.

O anuncio foi feito en rolda de prensa pola representación dos traballadores/as, que estivo acompañada por responsábeis da CIG-Construción, CCOO e UGT. O presidente do comité, Vicente Molares, comezou facendo un breve repaso pola historia da empresa, salientando que chegou a ser a principal fabricante de tarima flotante do Estado español e unha das primeiras do mundo.

De feito, chegou a contar cun cadro de persoal de 800 empregadas/os, boa parte deles/as mulleres, mentres que na actualidade apenas supera os 250. “Non se entende que unha empresa que tivo sedes nos Estados Unidos, Brasil ou Polonia, e que achegou a marca de tarima flotante Greenkett a moitos países, estea agora a decaer desta maneira; mais a situación actual é resultado dunha mala xestión e da crise do sector da construción”.

Até sete ERE consecutivos

Ademais, a baixa calidade do seus produtos fíxolle perder clientes durante os anos 2015 e 2016, e as traballadoras/es contratadas/os durante estes anos tiveron que deixar os seus postos. “A maioría foron marchando porque non aguantaban a situación de deterioro continuado das condicións laborais e salariais dos últimos sete anos”. A maiores, a empresa incumpre o pactado cos traballadoras/es que deciden marchar, xa que as indemniza con menos dos 20 días por ano que lles prometera. 

A empresa incumpre o pactado e paga menos de 20 días por ano a quen decide marchar

Durante todo este tempo o persoal tivo que soportar até dous procesos concursais (o primeiro resolto na fase de preconcurso e o segundo resolto con acordo en setembro de 2013). “Tamén tivemos que pasar por sete ERE suspensivos, dos que unicamente en catro houbo acordo entre traballadores/as e dirección”. A suma dos procesos provoca que, nalgúns casos, certas/os traballadoras/es xa teñan chegado a máis de 400 días de consumo da súa prestación por desemprego, o que lles repercutirá negativamente se a empresa non sae adiante e son despedidas/os. “E aínda que o comité intercentros sempre pelexou para que o ERE fose o máis equitativo posíbel e se cumprise coa lei, os xerentes fixeron oídos xordos aos seus consellos, derivando nunha diferencia abismal na súa aplicación: mentres que hai empregadas/sos que perden máis de 400 días de traballo, outras persoas non chegan a perder ningún día”.

Esta situación xa foi posta en coñecemento da Administración, xa que que non se respectan as condición dos ERE nin o calendario pactado. “Non recoñecen as vacacións nin os días festivos, como tampouco os meses de 31 días como establece a lei, e non pagan os días efectivos de traballo; por non mencionar que a Xunta ten que reclamarlles sempre a documentación, hai irregularidades na base de cotizacións, chegaron a sacarlle as horas sindicais algúns membros do comité, etc”.

Manifestación até o Concello

Ao mesmo tempo, lembrou que a subida salarial total nos últimos oito anos foi do 0,75% e que na actualidade a empresa aínda lles adebeda parte da paga de Nadal de 2016, a de marzo e a de xullo do 2017 enteiras, “por non falar das irregularidades no pagamento das nóminas, que un mes tras outro se ingresan con atraso”. Neste senso, criticou que as nóminas se abonen a partir do día 15, chegando nalgún caso a pagalas o 28. “Para os que están de baixa é un verdadeiro suplicio, porque o atrasa é aínda maior”. Con todo, na ultima reunión o xerente dixo que pagaría “cando el o estimase oportuno”. Hai que lembrar que esta situación de deterioro non é nova, xa que nos meses de xuño e xullo de 2015 o persoal secundou unha folga de varios días alternos para reclamar o pago dos salarios. 

Na última xuntanza o xerente dixo que pagaría os salarios cando estimase oportuno

Tamén revelou que a empresa está a intentar abrir mercado de novo mediante outras marcas como br-111 e E&Q, mais o sucedido até o de agora fai que sexa moi complicado. “As continuas e repetidas promesas de novos clientes, mercados e pedidos, así como da chegada de supostos fondos de investimento que axudarían ao equilibrio financeiro non se dan cumprido”. Diante disto, o cado de persoal teme que a compañía estea chegando á fin da súa actividade.

Finalmente, quixo deixar claro que o cadro de persoal fixo todo o que estaba na súa man para garantir a continuidade da empresa, “pero a situación neste momento é insostíbel, polo que se decidiu iniciar unha campaña de mobilizacións”. O primeiro paso é a manifestación que celebrarán este sábado día 30 a partir das 11:00 horas, e que percorrerá a distancia entre o centro de traballo da empresa en Pontellas (estrada de Atios) e o Concello do Porriño. No caso de que a situación non mude optarán por convocar paros en días alternos e incluso unha folga indefinida.