O cadro de persoal de Textil Lonia de Ourense intensifica a loita por unhas condicións dignas
As persoas traballadoras da empresa ourensá Sociedad Textil Lonia están dispostas a intensificar a loita iniciada a finais do ano pasado en demanda dunhas condicións dignas mediante a negociación de melloras laborais por riba do convenio colectivo do sector. Dende entón levaron a cabo paros parciais, xornadas de folga, manifestacións e concentracións, que agora retoman con maior contundencia á espera de que a dirección conteste a última proposta da parte social.
De xeito que veñen de anunciar novas concentracións diante das tendas de Carolina Herrera e Purificación García na cidade de Ourense para os vindeiros días 21, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xaneiro e 2, 3, 4 e 6 de febreiro de 17:00 a 19:30 horas. “Se non queren escoitarnos na mesa de negociación, escoitarannos nas rúas”, advirten dende a representación sindical na empresa.
Se non queren escoitarnos na mesa de negociación, escoitarannos nas rúas
Consideran que todo apunta a que a dirección non considera urxente atender unhas reivindicacións que afectan directamente ás condicións de vida e de traballo de centos de persoas. “Se pensan que alongando os tempos, mantendo o silencio e tentando invisibilizar as demandas van conseguir calar o cadro de persoal, que teñan claro que non vai ser posible, porque as persoas empregadas de Lonia dixeron basta de precariedade, de desprezo e de silencio”.
A súa intención agora é seguir alzando a voz ata que sexan escoitadas, “porque o que está en xogo non é só un conflito laboral, senón a dignidade de quen sostén co seu traballo unha industria de luxo, con beneficios que non repercuten no seu peto”. Por iso chaman a veciñanza e a compañeiras doutros sectores, así como a colectivos sociais e organizacións, a apoiar coa súa presenza a primeira das concentracións, prevista para este mércores día 21. “Deste xeito poderán tamén escoitarnos e coñecer de primeira man as nosas reivindicacións, porque non temos nada que esconder, pero si moito que denunciar publicamente. A sociedade ten dereito a saber que mentres nós confeccionamos luxo, o que recibimos son migallas e desprezo”.
Maltrato laboral
Non abandonaremos esta loita até acadar melloras reais e substanciais
Pola súa banda, a secretaria comarcal da CIG de Ourense, Xulia González, traslada o “total apoio” da central sindical ás “lexítimas demandas” do cadro de persoal de Textil Lonia, ao tempo que reitera que “imos estar, como sempre estivemos, ao carón das persoas traballadoras cando se detectan inxustizas laborais”. E advirte que “o compromiso é claro e firme: non abandonaremos esta loita até acadar melloras reais e substanciais, así teñamos que recorrer a todas as medidas de presión que fagan falta”.
A responsable sindical fai fincapé na necesidade de “dar resposta” a unhas persoas empregadas que, por primeira vez en máis de 20 anos, “decidiron alzar a voz fronte a unha situación continuada de maltrato laboral por parte da empresa”. O silencio xa non é unha opción, nin para elas nin para quen ten a responsabilidade de escoitalas”.