O capital contra a vida das persoas

Antoni Soy -

Agora estamos nun momento de capitalismo desatado no que a consecución dos máximos beneficios e a rendibilidade máis elevada posíbel para continuar acumulando beneficios por parte dos capitalistas é como unha enxurrada que bota a perder a vida e o presente/futuro da maioría das persoas. Velaí o capitalismo!

 Uns 4,5 millóns de persoas (unha de cada dez) están en situación de pobreza severa no Estado español, segundo datos de 2020. Non poden dispoñer dos recursos materiais, culturais e sociais para satisfacer as súas necesidades básicas e non teñen unhas condicións de vida minimamente aceptábeis. Ao mesmo tempo, os grandes bancos españois aumentaron a evasión fiscal, o número e porcentaxe dos seus beneficios obtidos en paraísos fiscais. Trinta e dúas multinacionais españolas o 2017 só pagaron globalmente un tipo efectivo medio do imposto sobre sociedades dun 1,5%. E os grandes fondos de investimento ao ámbito mundial, sen control dos estados nin dos bancos centrais, nin de ningún tipo de lexislación bancaria internacional, controlan as empresas chave da maioría de sectores da economía: por exemplo, BlackRock, o máis importante destes megafondos, controla, ademais doutras moitas cousas, unha porcentaxe importante de dezanove empresas do Ibex-35.

 No recentísimo informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado español (EAPN-SE), co moi significativo título de “A paisaxe do abandono”, constátase, como xa se dixo, que o 2020 uns 4,5 millóns de persoas vivían en situación de pobreza severa no Estado español. A renda media destas persoas era de 2.471 euros ao ano, ou sexa 5,4 veces menos que a do resto de persoas. O número de persoas nesta situación é de 1,09 millóns máis que o 2008 e 178.000 máis que o 2019. No ámbito territorial, despois de Andalucía, o número máis grande de persoas nesta situación están en Catalunya (702.947) e no País Valenciá (674.289) - nas Illas Baleares, 73.581-.

 A pobreza severa afecta moi intensamente aos mozos até 29 anos. Tamén afecta especialmente aos que viven en fogares con menores, monoparentais ou con familia numerosa. A porcentaxe de xente que vive nunha vivenda de alugueiro, pequena e con moitas carencias é moi superior neste subconxunto da poboación que no resto. Máis da metade da xente en pobreza severa gasta máis do 50% dos seus ingresos totais na vivenda e, malia isto, teñen moitos máis problemas de cortes de luz e de gas, carencia de espazo, e equipamento defectuoso que non o resto dos fogares. A maioría son persoas de orixe española (72%), moitas teñen un nivel educativo medio ou elevado, e con vivenda propia. Para acabar, as medidas que se tomaron para paliar esta situación (ERTE, Ingreso Mínimo Vital (IMV), garantías de fornecemento de consumos básicos, prórroga dos contratos de arrendamento da vivenda habitual, suspensión -teórica- dos procesos de desafiuzamentos en persoas vulnerábeis), teñen escasa cobertura, insuficiente contía e os seus resultados foron cativos e moi irregulares e escasos.

 Contrariamente, nun informe tamén moi recente do EU Tax Observatory, que dirixe Gabriel Zucman, sobre o comportamento de 36 grandes bancos europeos (entre eles Banco Santander, BBVA, Banco Sabadell e Bankia, posto que CaixaBank non achegou todos os datos necesarios) nos paraísos fiscais no período 2014-2020, constátase que manteñen uns 20 billóns de euros anuais (un 14% dos seus beneficios), onde a rendibilidade é anormalmente elevada, 3,7 veces superior respecto da dos países normais. No estudo tamén se estimou que a aplicación dun imposto sobre os beneficios do 25% a todos os países significaría que estes bancos pagarían entre 10 e 13 billóns de euros adicionais en impostos anualmente (entre 3 e 5 billóns cun imposto do 15%). As cantidades que manteñen en paraísos fiscais, onde se pagan moitos menos impostos, os catro bancos españois analizados tenderon a crecer nos últimos anos. Entre 2014 e 2020 os catro deixaron de pagar máis de 2,2 billóns de euros en impostos en comparación a se houbese unha taxa impositiva sobre beneficios do 15% a todos os países.

 Doutra banda, a partir dos datos do Ministerio español de Facenda do 2017, 112 multinacionais españolas, con máis de 88 millóns de euros de beneficios, fixeron un pagamento efectivo de impostos do 17% dos seus beneficios, unha porcentaxe menor que o que paga unha PeME. E no informe publicado polo Ministerio pódese constatar que 32 destas empresas, con máis do 32% do beneficio de todas elas, só pagaron un tipo impositivo efectivo do 1,5%. Se se collese un ámbito máis amplo, pero nun sector concreto, segundo a Alianza People’s Vaccine, as empresas que fabricaron as vacinas do ARN mensaxeiro contra a COVID (Pfizer, BioNTech e Moderna) pagan entre un 7 e un 15% de impostos globalmente (utilizando tamén paraísos fiscais) mentres manteñen o monopolio, mediante as patentes, na produción e duplican prezos para ampliar beneficios, os cales aumentaron moi significativamente. E hai que lembrar que o desenvolvemento destas vacinas foi posíbel grazas ás achegas de fondos públicos (dos EUA e Alemaña) de máis de 100 millóns de dólares. Entrementres, no Estado español estase vivindo agora mesmo o caso das multinacionais eléctricas, famosas historicamente para ser o destino de ex políticos nun funcionamento vergoñento das portas xiratorias, que se están aproveitando dunha lexislación totalmente inadecuada e obsoleta para facer aumentos incríbeis do prezo da luz, os cales evidentemente van permitir que engorden a súa conta de beneficios que despois, como xa se viu, acaban pagando moi poucos impostos.

 Ao mesmo tempo, estes últimos anos asistiuse ao crecemento dos grandes fondos de investimento (megafondos) que, a partir da desregulación financeira permitida polos gobernos e os organismos internacionais, controlan unha parte moi importante da maioría de sectores económicos no ámbito mundial. Non dependen de ningunha autoridade estatal nin monetaria e tampouco hai unha lexislación internacional financeira que os regule. Blackrock, Vanguard, State Street, Fidelity, Blackstone, Capital Group, Cerberus, son algúns dos máis importantes e máis coñecidos, actúan en todos os sectores económicos (nalgún caso tamén nalgúns alegais ou directamente ilegais) e o seu obxectivo é moi sinxelo: comprar ben de prezo e vender caro para conseguir os máximos beneficios polos seus accionistas.

 E, como ninguén os controla, teñen barra libre, son unha verdadeira “banca á sombra” con máis poder que a banca oficial, e os máis agresivos son denominados ‘fondos voitre’. Así, BlackRock, que é o máis importante, ten 9 billóns de dólares en activos, 7 veces o PIB español, o 10% do PIB mundial, o dobre que o banco máis grande do mundo; se fose un país sería o terceiro do mundo depois dos EUA e China. BlackRock é o principal accionista das empresas da Ibex-35, onde tamén participan outros fondos de investimento, moitos son accionistas importantes no sector farmacéutico, por exemplo nas empresas que produciron as vacinas da COVID-19, ou na banca onde teñen, por exemplo, case o 20% de Goldman Sachs ou de JP Morgan, converténdose nos principais acredores da débeda dos países menos desenvolvidos, Cerberus ten máis de 23 000 vivendas no Estado español, etcétera.

 Poderíanse poñer máis exemplos. E todo isto pasa nun contexto de crise múltiple: sanitaria, económica, social, enerxética, ambiental, etcétera. O 1% (ou o 0,1%) da poboación do planeta cada vez é máis rica e o resto da poboación cada vez é máis pobre: segundo a revista Forbes en dezasete meses de pandemia (marzo 2020 - agosto 2021), os máis ricos dos EUA aumentaron a súa riqueza un 61,7% (1, 8 billóns de dólares) mentres o PIB 2020 diminuía un 3,4%, ergo o resto da xente é cada vez máis pobre. Como dixo, xa hai un tempo, Warren Buffet, un dos máis ricos do mundo: “Está claro que existe a loita de clases, e estámola gañando nós”. Ante esta situación, algunhas ONG, como as que se mencionaron e outras, e algúns intelectuais ou políticos reformistas (p. e. Mazzucatto, Piketty, Stiglitz, Tooze, Zucman) propugnan medidas para diminuír as desigualdades existentes e crecentes, e algúns fican nos 25-30 anos posteriores á II Guerra undial, a época que se denominou “a idade de ouro” do capitalismo ou do “compromiso keynesiano ou socialdemócrata”.

 Xa non teño espazo para explicalo, mais penso que é evidente que a situación actual é, en moitos aspectos e sentidos, moi diferente da daquela época. Agora estamos nun momento de capitalismo desatado (unleashed, como diría Tarantino ou antes o economista Andrew Glyn) no que a consecución dos máximos beneficios e a rendibilidade máis elevada posíbel para continuar acumulando beneficios por parte dos capitalistas é como unha enxurrada que bota a perder a vida e o presente/futuro da maioría das persoas. Velaí o capitalismo, mozas e mozas! E infelizmente, máis aló dos socialdemócratas, que xa aceptaron as regras do xogo capitalistas, a esquerda política e sindical anticapitalista, na maioría de países, non ten actualmente a forza/capacidade, teórica e práctica, nin a organización axeitada para facer fronte a esta situación. Haberá que seguir pacientemente, pero persistentemente, o consello de Gramsci: “Formádevos, mobilizádevos, organizádevos”. Ou o de Julià de Jòdar: “Cómpre oganizarmos o poder desde abaixo”.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Directa, do 22 de setembro de 2021]

Volver