• Nova

O CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía bota a andar o ciclo medio de atención a persoas dependentes sen docentes da especialidade

A CIG-Ensino denuncia que é resultado dos recortes da Xunta
Vilagarcía - 20 Xul 2022

A federación de Ensino da CIG denuncia que o CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa bota a andar o ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia sen contar con ningún docente da especialidade, “como consecuencia da política de recortes no ensino público que aplica a Xunta do PP dende hai anos”.

Dende a central sindical explican que a Consellería de Educación anunciara o pasado curso a conversión do IES Bouza Brey en Centro Integrado de Formación Profesional, co correspondente traslado das ensinanzas de ESO e Bacharelato ao IES Armando Cotarelo Valledor. O anuncio viña acompañado, segundo a información do espazo web do propio departamento autonómico, dun investimento de dous millóns de euros.

Un dos ciclos novos que se implanta é o ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia, “pero van poñelo a andar sen ningún profesorado da especialidade, polo que todos os módulos do ciclo vanos impartir docentes doutras familias profesionais”. 

Esta é a estratexia da Xunta do PP para reforzar a FP: poñer a funcionar ciclos sen profesorado especialista

Na información do novo centro asegurábase que <<A Xunta de Galiza vai reforzar dende o vindeiro curso as ensinanzas de Formación Profesional na comarca>>. “Pois ben, esta é a estratexia da Xunta do PP para reforzar a FP: poñer a funcionar ciclos sen profesorado especialista, sendo isto aínda de maior gravidade nun centro no que o ciclo é de nova implantación”.

Diante disto, a CIG-Ensino trasladoulle á Xefatura Territorial de Educación o seu absoluto desacordo con este xeito de proceder, “que se corresponde cos recortes no ensino público que vén aplicando esta Consellería dende hai anos”.