O clima, a enerxía e o mito da transición

Daniel Chavez e Sexan Sweeney -

A alternativa pública significa a recuperación integral da xeración, transmisión, distribución e xestión da enerxía. En contextos onde as políticas de privatización foron máis agresivas é necesario que as empresas de enerxía que foron privatizadas volvan ser de propiedade e control públicos. Noutros contextos, onde a propiedade das empresas permaneceu en mans do Estado pero cunha xestión orientada polos principios da gobernanza corporativa de mercado, é necesaria a descorporativización ou a desmercantilización destas empresas

 O enfoque hexemónico nas políticas de enerxía a escala global impide o desenvolvemento de alternativas efectivas de resposta á urxencia climática e a satisfacción de necesidades sociais. Lonxe de representar unha simple falta de ambición ou a ausencia de vontade política dalgúns gobernos, o fracaso cada vez máis alarmante do enfoque neoliberal é unha consecuencia estrutural dun modelo político e económico que concibe á enerxía como unha simple mercadoría e fonte de ganancias privadas. Este enfoque está orientado primordialmente a garantir beneficios ao capital. Malia a evidencia empírica acumulada en diversas rexións do mundo e o crecente recoñecemento dos seus impactos negativos, a política dominante segue estando centrada no mercado como principio reitor dos sistemas e recursos enerxéticos.

 O modelo baseado na satisfacción de demandas de ganancias mercantís a un número reducido de empresas privadas é incompatíbel co abastecemento de enerxía para asegurar o benestar social. Ao mesmo tempo, o modelo neoliberal bloquea os esforzos para limitar o consumo de enerxía e reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI). Entender, debater e xerar alternativas viábeis para saír desta lameira debería ser prioritario para todas as persoas e organizacións preocupadas polo presente e o futuro do clima e os seus xa moi obvios efectos nos territorios e sectores sociais máis vulnerábeis.

O mito da transición enerxética

 A publicación do máis recente informe do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) puxo de manifesto -unha vez máis- a necesidade urxente de solucións reais á urxencia climática. O informe demostra que a extinción de múltiples especies, a expansión de epidemias, a sucesión de vagas de calor insoportábel, o colapso de ecosistemas terrestres e mariños e o aumento do número de cidades ameazadas pola subida dos mares, entre moitos outros impactos climáticos devastadores, estanse acelerando e pasarían a ser realidades cotiás antes de que un neno nado hoxe alcance a súa terceira década de vida (IPCC, 2021).

 O dramático sinal de alerta lanzada polo IPCC nas semanas previas á Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP26), a realizarse en Glasgow en novembro deste ano, non debería sorprender a ninguén, xa que os cambios globais na produción e o uso da enerxía que necesitamos con urxencia para reducir as emisións non se están concretando. Na actualidade, máis do 80% da demanda mundial de enerxía primaria é cuberta por combustíbeis fósiles (IEA e CCFI, 2021), mentres que as fontes eólica e solar representan apenas o 10% da electricidade mundial xerada (Jones et al., 2020). Malia os repetidos discursos sobre o declive dos combustíbeis fósiles, a xeración baseada na queima de carbón non se reduciu de forma visíbel e nalgúns países mesmo aumentou. En 2020, os esforzos mundiais por desmantelar as instalacións termoeléctricas víronse compensados pola posta en marcha de novas centrais de carbón en China, o que supuxo un aumento global do parque mundial de carbón equivalente a 12,5 GW (Global Energy Monitor, 2021).

 No contexto da pandemia da covid-19, algúns expertos en temas de clima e enerxía argumentaron que a contracción da actividade económica marca un punto de inflexión na tendencia. De feito, a demanda mundial de enerxía reduciuse case un 4% en 2020, mentres que as emisións mundiais de CO2 relacionadas coa enerxía diminuíron un 5,8%, o maior descenso anual rexistrado desde a Segunda Guerra Mundial. Porén, malia estes cambios a curto prazo, a pandemia non provocou ningún cambio significativo a longo prazo: prevese que as emisións mundiais de CO2 relacionadas coa enerxía crezan un 4,8% en 2021, cun aumento do 4,6% na demanda mundial de enerxía, a ser cuberta primariamente por combustíbeis fósiles (IEA, 2021). A finais de 2020, a demanda de electricidade xa rexistrara un nivel superior ao de decembro de 2019, cun 3,5% de aumento na demanda mundial de carbón en relación ao mesmo período de 2019 (IEA, 2021).

 Estes indicadores demostran que a transición enerxética necesaria para cumprir cos obxectivos acordados polos Estados asinantes do Acordo de París no ano 2015 está moi lonxe de se materializar. De feito, a maioría das principais economías do mundo non rexistraron avances que lles permitan afirmar que están en camiño de cumprir cos compromisos asumidos nas Contribucións Determinadas a Nivel Nacional (CDN) para a redución de emisións acordados na Cimeira do Clima de París. A razón deste grave fracaso é a prevalencia do dogma neoliberal nas políticas do clima e da enerxía. O paradigma dominante é o enfoque do pau e a cenoria que, por unha banda, intenta desincentivar o uso de combustíbeis fósiles mediante o establecemento de mercados do carbono, mentres que, doutra banda, promove o investimento en enerxías renovábeis e outras estratexias para reducir emisións mediante subsidios e contratos moi favorábeis aos intereses dos investidores privados. Tanto o pau como a cenoria están profundamente atinxidos pola lóxica de acumulación capitalista. Neste marco, o rol dos Estados redúcese a salvagardar a rendibilidade dos actores privados, en lugar de abordar os retos sociais ou ambientais de forma directa.

 Os resultados deste enfoque foron desastrosos e todo indica que de non haber unha reversión radical da tendencia, a situación seguirá empeorando. Os mercados do carbono nunca chegaron a funcionar da forma prevista: máis de 15 anos despois do establecemento do primeiro Sistema de Comercio de Emisións, na Unión Europea, a inmensa maioría das emisións mundiais (84%) segue sen ter prezo ningún, e a parte das emisións cun prezo o suficientemente alto como para ser potencialmente eficaz segue sendo moi inferior ao 1% (World Bank, 2020). Ao mesmo tempo, aínda que as enerxías renovábeis se expandiron, o seu crecemento foi inferior á crecente demanda de electricidade. Mentres que o sistema eléctrico mundial se expandiu nos últimos anos a un ritmo anual de case 300 GW, a capacidade das renovábeis creceu a un ritmo moi inferior, polo que a Axencia Internacional de Enerxías Renovábeis sinalou en xuño deste ano que “as tendencias recentes [das emisións] mostran que a fenda entre onde estamos e onde deberiamos estar non diminúe, senón que se amplía. Imos na dirección errada e debemos cambiar o rumbo agora” (IRENA, 2021: 4).

 As políticas de enerxía neoliberais bloquearon a transición. Ademais do fracaso da estratexia de fixación de prezos do carbono como mecanismo para reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles, a aposta polo mercado para a promoción das renovábeis permitiu que uns poucos investidores con aversión ao risco comercial gañen moito diñeiro. A expansión inicial das renovábeis foi dependente de subsidios, pero ante o aumento dos custos para os consumidores, as políticas de mercado pasaron a priorizar as chamadas poxas de capacidade, nas que á oferta gañadora se lle asegura un acordo de compra de enerxía que pode durar entre 15 e 20 anos. Baixo este sistema, a caída dos costos de xeración afectou a rendibilidade das renovábeis, que se volven menos atractivas para investidores que buscan rendementos satisfactorios. Esta tendencia provocou un déficit de investimento, que está impedindo aínda máis a descarbonización de sectores chave da economía.

 Por outra banda, nin a excesiva confianza no prosumismo (que elimina a distinción entre consumidor e produtor de enerxía, grazas ao desenvolvemento de novas tecnoloxías e mecanismos institucionais para habilitar a conexión de consumidores residenciais ou comerciais á rede co fin de vender a enerxía solar ou eólica excedente) nin a prevista disrupción do mercado, a ser causada por xeración distribuída, satisfixeron as expectativas iniciais, como se aprecia hoxe na Unión Europea e noutras partes do mundo onde se eliminaron as subvencións e se alteraron as normas que rexen o mercado da enerxía eléctrica. O enfoque hexemónico tampouco logrou abordar de forma efectiva os problemas asociados á prevista espiral da morte das grandes empresas eléctricas, do mesmo xeito que foi incapaz de anticiparse aos serios desafíos técnicos asociados á instalación de fontes renovábeis a grande escala, con retos que aínda non se resolveron en países onde a enerxía eólica e a solar xa representan unha porción significativa do abastecemento eléctrico.

 A comunidade científica mundial estivo falando durante décadas de que para minimizar o risco de impactos aterradores previstos no máis recente informe do IPCC é imprescindíbel limitar as emisións de GEI, das que case tres cuartas partes proceden da produción e o consumo da enerxía. Tamén se recoñeceu desde hai tempo que a rápida descarbonización da xeración de electricidade e doutros compoñentes do sector enerxético, así como doutros segmentos da economía que consumen moita enerxía -nomeadamente o transporte, a industria e os edificios-, é unha condición ineludíbel para evitar os peores escenarios de futuro. Malia que a magnitude do reto xa foi recoñecida, a política climática dominante fracasou por completo á hora de dar unha resposta adecuada. Ancorados no optimismo delirante ou en posturas negacionistas, diversos analistas, activistas ambientais, executivos de grandes empresas e líderes políticos de diversas correntes ideolóxicas estiveron repetindo durante máis dunha década a simplista idea de que a transición enerxética é inevitábel, que xa está en marcha ou que, mesmo, se está a acelerar. Estas afirmacións non só contradín datos obxectivos, senón que a maioría das voces que espallan esta idea seguen apostando a un modelo de propiedade e de xestión da enerxía que imposibilita a transición enerxética que eles pregoan.

 A converxencia das demandas dos sectores económicos dominantes cos intereses das elites políticas é evidente na defensa da propiedade privada da enerxía, incluíndo a gran parte dis que propoñen unha transición enerxética centrada en fontes renovábeis ou limpas. Neste sentido, tanto o discurso como as estratexias mercantís de moitas empresas se actualizaron para facelas máis compatíbeis coa crecente preocupación de amplos sectores sociais ante a urxencia climática. A crecente ansiedade da poboación é percibida, desde unha perspectiva mercantil, como unha oportunidade económica estratéxica para o enriquecemento de sectores empresariais activos na promoción dunha economía verde facilitada por cambios no marco normativo ou institucional a distintas escalas.

 Neste contexto, non houbo unha transición enerxética, senón unha simple expansión da produción e o uso da enerxía. Impulsadas por xenerosas subvencións públicas ou por contratos a longo prazo sen risco comercial e garantidos polos gobernos, as fontes renovábeis de xeración de enerxía experimentaron un impresionante crecemento nos últimos anos (polo menos se se consideran de forma illada). Porén, no mesmo período, a demanda global de enerxía superou con moito o crecemento das fontes baixas en carbono. Como resultado, todas as formas de enerxía creceron de forma paralela, sen que haxa un desprazamento significativo dos combustíbeis fósiles por parte das renovábeis. Malia medidas gobernamentais moi publicitadas e de titulares de prensa excesivamente optimistas sobre a suposta transición, a demanda global de enerxía creceu máis dun 20% na década pasada, e tres cuartas partes desa nova demanda se cubriron coa queima de carbón, gas e petróleo. Como resultado, as emisións de gases de efecto invernadoiro seguiron aumentando (IEA, 2019).

 O imperativo do crecemento permanente, que constitúe a razón de ser do sistema de acumulación capitalista, determina que os compromisos e plans para controlar ou reducir as emisións de GEI sexan altamente inverosímiles, senón imposíbeis. A idea de que as economías industrializadas poderían -mediante unha modernización ecolóxica- desvincular o crecemento económico das emisións foi desacreditada. Algúns estados afirman avanzar nesa dirección grazas ás medidas impulsadas polos seus gobernos, pero en realidade moitos dos avances máis visíbeis son o resultado da deslocalización das emisións cara a outros países. No ano 2018, no marco da presentación dun informe que constataba niveis récord nas emisións mundiais de CO2, o director da Axencia Internacional da Enerxía, Fatih Birol, afirmou: “Traio moi malas noticias: as cifras desespéranme” (Simon, 2018).

 Por outra banda, dado que o sol non sempre brilla e o vento non sempre sopra, a incorporación de enerxía renovábel variábel ás redes eléctricas a unha escala significativa implica formidábeis desafíos técnicos que o enfoque dominante centrado no mercado non logrou superar. A expansión das enerxías renovábeis tampouco foi capaz de crear as condicións para reducir as emisións de carbono na industria, no transporte e noutros sectores esenciais da economía contemporánea. No transporte predominan as asociacións público-privadas (APP), mais este enfoque non freou seriamente as emisións relacionadas con este sector. No sector da construción tampouco existe unha estratexia viábel -e moito menos global- para a conservación da enerxía a grande escala, en parte porque non existe un modelo empresarial viábel para gañar diñeiro coa redución do consumo de enerxía.

 En resumo, o libre mercado, a privatización e o control do mercado da enerxía por un grupo cada vez máis reducido de empresas transnacionais demostraron ser incapaces de levar a cabo a transición enerxética que o mundo necesita con urxencia. Como foi demostrado no marco da resposta mundial á pandemia, abordar problemas globais complexos en prazos curtos esixe a planificación e a coordinación dos gobernos. É necesario un cambio de paradigma para a propiedade e a xestión públicas do sector enerxético, incluíndo a democratización das actuais empresas públicas da enerxía.

A alternativa pública

 O fracaso continuo e cada día máis obvio da política enerxética dominante para xerar cambios á velocidade e na escala do cambio necesario para abordar a crise climática debe ser recoñecido como unha verdadeira urxencia política e reafirmar a urxente necesidade dun enfoque radicalmente diferente. Como alternativa á perspectiva hexemónica baseada no lucro é preciso fortalecer a propiedade pública e democrática dos sistemas e recursos enerxéticos.

 Ademais de ser menos custosa, a enerxía pública desmercantilizada facilita a transferencia de tecnoloxías e capacidades baseadas en prioridades sociais antes que en beneficios privados. Tamén permite a ampliación e optimización dos sistemas públicos de transporte, así como a implementación de programas de eficiencia e rendemento energxtico nos edificios, ademais de habilitar máis opcións para a descarbonización da infraestrutura industrial.

 En síntese, a alternativa pública significa a recuperación integral da xeración, transmisión, distribución e xestión da enerxía. En contextos onde as políticas de privatización foron máis agresivas é necesario que as empresas de enerxía que foron privatizadas volvan ser de propiedade e control públicos. Noutros contextos, onde a propiedade das empresas permaneceu en mans do Estado pero cunha xestión orientada polos principios da gobernanza corporativa de mercado, é necesaria a descorporativización ou a desmercantilización destas empresas, de xeito que pasen a operar cunha lóxica de eficiencia social non restrinxida ás demandas neoliberais de rendibilidade puramente comercial, e estean orientadas por unha concepción da enerxía como un ben público e centradas nas necesidades sociais.

 Desde esta perspectiva, o rol do Estado volve ser esencial. Nas últimas dúas décadas, en moitos países do mundo (particularmente en Europa occidental) as cooperativas e outras experiencias de enerxía comunitaria estendéronse de forma significativa, xerando novas esperanzas en torno a unha transición enerxética a escala mundial ancorada en proxectos descentralizados e iniciativas lideradas pola propia cidadanía. Desafortunadamente, o optimismo inicial foi un tanto excesivo (Sweeney e Treat, 2020). En diversos países, os esforzos locais e de base comunitaria víronse gravemente afectados pola supresión das subvencións e mecanismos de conexión á rede do tipo tarifas de alimentación (feed-in tariff). Este cambio provocou un forte descenso do número de novas iniciativas locais e dificultades para a supervivencia das cooperativas no novo mercado da enerxía. Os proxectos comunitarios deben competir cos intereses do gran capital (incluídas as grandes empresas de enerxía eólica e fotovoltaica) tanto por apoio político (subsidios) como por cotas de mercado.

 A revitalización da propiedade pública debe ir acompañada dun claro cambio na concepción da enerxía como un ben público. As empresas de enerxía que foron privatizadas, corporativizadas ou mercantilizadas non só deben ser recuperadas, senón que tamén deben ser democratizadas e pasar a operar con outras modalidades de xestión. Así mesmo, do mesmo xeito que o proxecto neoliberal incluíu como un compoñente esencial a creación de novas axencias reguladoras (supostamente independentes) para asegurar a competencia entre distintas empresas, a recuperación da propiedade pública requirirá novas institucións que garantan que os servizos públicos recuperados funcionen de forma transparente, baixo control social e promovendo a cooperación e a participación pública a distintos niveis.

 A alternativa pública tamén significa a eliminación progresiva dos chamados mercados eléctricos competitivos, tanto maioristas como minoristas. En realidade, moitos Estados (sobre todo no Sur global) ignoraron as directivas do Banco Mundial, do Fondo Monetario Internacional e dos bancos rexionais de desenvolvemento orientadas á creación de mercados eléctricos, do mesmo xeito que ignoraron as instrucións ou presións para establecer esquemas de comercio de emisións. O desmantelamento dos mercados eléctricos ofrece oportunidades para desmercantilizar a electricidade; tamén é necesario eliminar outras formas de privatización encuberta, como os chamados acordos de compra de enerxía (power purchase agreements, PPA), con contratos a dúas ou tres décadas con rendibilidade asegurada polo Estado e sen risco empresarial para os investidores privados.

 A desmercantilización tamén abre novas posibilidades para un enfoque autenticamente integrado e ben planificado da transición enerxética. A preocupación pola cota de mercado xa non determinaría o comportamento das empresas de xeración ou distribución da enerxía e, xa que logo, evitaría ou diminuiría as tensións entre os prosumidores, as cooperativas de enerxía e as empresas estatais que se observan na actualidade en diversos países do mundo. No marco dun sistema público e integrado, en lugar de proporcionar oportunidades para que unhas poucas empresas aumenten as súas ganancias a expensas da sociedade no seu conxunto, a eficacia da xeración distribuída podería ser reavaliada sobre a base de criterios sociais e ecolóxicos e a longo prazo.

 Unha vez recuperadas e democratizadas, as empresas públicas de enerxía contarían con máis capacidades (ou menos restricións) para ampliar as súas operacións de maneira que poidan contribuír de xeito máis efectivo á descarbonización non só da matriz enerxética, senón tamén do transporte, a industria, a agricultura e outros sectores que actualmente dependen dos combustíbeis fósiles.

_____________________________________________________________________________

Referencias

Global Energy Monitor (2021) “Boom and Bust 2021: Tracking the Global Coal Plant Pipeline”. San Francisco: Global Energy Monitor.

IEA (2019) Global Energy & CO2 Status Report. París: International Energy Agency (IEA).

IEA (2021) IEA (2019). Global Energy Review 2021. París: International Energy Agency (IEA).

IEA e CCFI (2021) Energy Investing: Exploring Risk and Return in the Capital Markets. París: International Energy Agency (IEA) e Centre for Climate Finance & Investment (CCFI).

IPCC (2021) Climate Change 2021: The Physical Science Basis. Contribution of Working Group I to the Sixth Assessment Report of the Intergovernmental Panel on Climate Change. Cambridge: Cambridge University Press.

IRENA (2021) World Energy Transitions Outlook: 1.5°C Pathway. Abu Dhabi: International Renewable Energy Agency (IRENA).

Simon, Frédéric (2018) “Bad news and ‘despair’: Global carbon emissions to hit new record in 2018, IEA says”. Euractive.com (18 de outubro): https://www.euractiv.com/section/climate-environment/news/bad-news-and-despair-global-carbon-emissions-to-hit-new-record-in-2018-iea-says/.

Sweeney, Seab e Treat, John (2020) The Rise and Fall of ‘Community Energy’ in Europe. Nueva York: Trade Unions for Energy Democracy (TUED).

World Bank (2020) State and Trends of Carbon Pricing 2020. Washington, DC: World Bank.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 26 de novembro de 2021]

Volver