O colectivo de pensionistas de Endesa das Pontes acorda non avalar a proposta unilateral de arbitraxe

Reclaman que se expliquen á asemblea os termos da arbitraxe e que se pretende conseguir
As Pontes - 07 Nov 2019

O colectivo de pensionistas de Endesa celebrou esta tarde unha multitudinaria asemblea nas Pontes para abordar a situación da negociación do convenio colectivo (do que dependen os beneficios sociais que a empresa lles vén de suprimir) logo da ruptura da unidade sindical que existía até agora neste ámbito, ao desmarcarse UGT (que ten a maioría na mesa negociadora) cunha proposta unilateral de arbitraxe, da que se descoñecen os detalles.

Na asemblea, na que participaron unhas 600 persoas do denominado colectivo de pasivos (xubilados/as, prexubilados/as, viúvos/as e orfos/as), manifestouse non ver nesta arbitraxe que propón UGT unha saída ao conflito aberto a raíz de que Endesa dese por decaído o IV convenio colectivo, aproveitando esta circunstancia para eliminar os beneficios sociais que até tiña recoñecidos este colectivo. Dereitos sociais históricos como a tarifa eléctrica bonificada ou as bolsas de estudo, que forman parte do denominado salario en especie.

Fernando Branco, voceiro do colectivo e responsábel de enerxía da CIG, explicou que a se decidiu non apoiar a solicitude da arbitraxe cando menos sen que se expliquen nun documento por escrito os detalles desta mediación e que se pretende conseguir con ela tanto por parte de UGT como da patronal. Neste senso, Branco adianta que a CIG mantén o recurso que ten presentado diante do Tribunal Supremo contra o auto da Audiencia Nacional que avala a supresión dos dereitos sociais, e a súa retirada ou non será decisión da propia asemblea.

A retirada do recurso, xunto co abandono das mobilizacións e manter a "paz social", é unha das condicións que impuxo a dirección de Endesa para someterse á arbitraxe. Unhas condicións que, dadas as circunstancias actuais resultan inasumíbeis.

O conflito aberto pola negociación do novo convenio colectivo e no que o persoal pensionista é o máis activo e o que está tirando das mobilizacións, mestúrase co conflito xerado ante a parada produtiva da central térmica das Pontes e a decisión de Endesa de abandonar definitivamente a produción eléctrica con carbón, sen formular ningunha alternativa viábel e deixando no aire o futuro industrial da comarca e de centos de empregos.

A situación crítica da comarca levou ao chamdo "comité de crise" a convocar unha nova concentración o próximo xoves 14 de novembro, ás 20 horas, na Praza do Carme, á que recomendan acudir con candeas xa que ademais a protesta irá acompañada dun "apagón xeral" nas Pontes.