O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG demanda un sistema público de atención ás persoas
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG continuou este xoves co calendario de mobilizacións en demanda dun sistema público galego de atención á dependencia con orzamentos dignos, persoal suficiente e condicións laborais xustas, “que garanta dereitos, elimine os repagamentos e que priorice sempre a atención directa, non os bonos enganosos nin as axudas que non chegan”.
As protestas desenvolvéronse diante dos edificios da Xunta da Coruña, Pontevedra, Ferrol e Ourense, no edificio do INSS de Santiago de Compostela, na residencia da Gándara en Lugo e na zona das Travesas en Vigo e nas mesmas denunciouse a “situación insostíbel que padecen as persoas maiores e dependentes no noso país”.
Advertiron do “desastre social” que supoñen as políticas aplicadas pola Goberno do PP na Xunta, que derivan nun sistema “saturado e sen humanidade” no que se conciben os coidados como unha carga privada que debe recaer nas familias, e nomeadamente nas mulleres.
O colectivo lembrou que en Galiza as esperas para que se resolva unha prestación son de máis dun ano, que miles de persoas morren coa dependencia aprobada pero sen chegar a recibila e que hai milleiros agardando “desesperadas, por unha axuda que nunca chega”.
Mentres, o Goberno galego continúa apostando por unha política social baseada na privatización dos centros de día e residencias: só o 18% das prazas son públicas, hai 215 residencias privadas fronte a tan só 71 públicas; os centros de día non chegan a cada concello do país e dos que existen, soamente 97 son de xestión pública.
No caso dos servizos de axuda no fogar, unha responsabilidade que a Xunta derivou aos concellos, “está desbordado, con persoal insuficiente, salarios baixos e condicións precarias”. “Así non se pode garantir unha atención digna nin ás persoas dependentes nin ás súas familias”, lamentan.
Fronte a este modelo, reiteran a necesidade de crear un sistema de atención ás persoas único, público e galego, que xestione directamente todos os recursos (residencias, centros de día, atención á diversidade, Servizo de Axuda no Fogar, Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado…); dotado cos orzamentos necesarios, con persoal suficiente e condicións laborais xustas, baixo un único convenio colectivo galego.
“Porque o coidado é un dereito, non un negocio. Porque a dignidade non se merca nin se privatiza. E porque queremos vivir con dereitos, tamén cando somos maiores ou dependentes”, aseveraron.