O colectivo de xubilados/as de Endesa retomará as mobilizacións en defensa dos beneficios sociais

A empresa comunicou que deixará de aplicarlles bonificación da tarifa eléctrica o 1 de outubro
As Pontes - 06 Set 2019

Máis de 500 persoas pertencentes ás clases pasivas de Endesa acordaron levar adiante un novo calendario de mobilizacións en defensa dos beneficios sociais que até agora tiñan recoñecidos e que a eléctrica (propiedade da compañía italiana pública Enel) quere suprimir. As mobilizacións aprobáronse durante a asemblea celebrada este xoves no Concello das Pontes e súmanse ás protestas acordadas polo grupo local de traballo en demanda de alternativas definidas para a continuidade da actividade produtiva e dos empregos na central térmica.

Dentro deste calendario, a primeira actividade terá lugar o día 12 de setembro, cun acto público no auditorio Alovi sobre o recibo eléctrico. Para o 16 de setembro, está convocada unha concentración no viceconsulado italiano na Coruña, ás 11:00 horas. Posteriormente, o colectivo sumarase á concentración que se vai realizar diante da Delegación do Goberno pola falta de actividade produtiva na central térmica. O 24 de setembro, as protestas trasladaranse á sede de Endesa en Madrid,

Defender os dereitos

Cómpre lembrar que logo dun ano de negociacións infrutuosas, a finais de decembro pasado Endesa (valéndose das facilidades introducidas pola reforma laboral) deu por decaído o convenio colectivo, deixando sen marco regulador de referencia os seus empregados e empregadas e aproveitando esta circunstancia para comunicar a supresión dos beneficios sociais e económicos (entre eles a bonificación da tarifa eléctrica) que teñen recoñecidas as clases pasivas (prexubilados/as, xubilados/as, viúvas e orfos/as). Este colectivo suma máis de 27.000 persoas en todo o estado.

O forte rexeitamento que esta decisión xerou e as  numerosas mobilizacións realizadas, levaron á empresa a adiar a suspensión dos beneficios sociais dende xullo até o 1 de outubro e a retomar a negociación do convenio colectivo (ao que van ligados estes dereitos). Porén, aínda que a negociación está aberta, o certo é que non se produciu ningún avance, polo que o colectivo de pasivos das Pontes acordou retomar con forza as protestas na defensa duns dereitos que lles custou moitos anos e loitas conquistar.

Privatización e descapitalización de Endesa

Non hai que perder de vista neste conflito o proceso de privatización e descapitalización vivido Endesa, actualmente propiedade da compañía pública italiana Enel. Tras facerse co 70% do capital, Enel comezou a segregación de activos de Endesa e impuxo unha política de dividendos que obriga a que todos os beneficios de Endesa pasen directamente a dividendos que, a súa vez, son cobrados por Enel.

Neste repatriación de capital á Italia, Enel quere entrar agora nos compromisos que Endesa ten co seu cadro de persoal, particularmente co persoal pasivo e que, por obriga das auditorías, debe provisionar no seu balance económico. Unhas provisións que se calculan nos 700 millóns de euros, que Enel quere detraer ao persoal para repartilo entre os accionistas.