O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG de Vigo mobilizarase en defensa do sistema público de pensións

Convoca unha concentración no farol de Urzaiz este venres 26 ás 11:30 horas
Vigo - 23 Abr 2019

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG de Vigo convoca unha nova mobilización en defensa do sistema público de pensións. A concentración terá lugar no farol de Urzaiz este venres 26 ás 11:30 horas para reclamar unhas pensións públicas dignas e garantidas. Dende o colectivo chaman a participar “nunha loita que é de todos e todas”.

Dende o colectivo lembran que os orzamentos do 2018 recolleron unha suba na contía das pensións que apenas supuxo 20 euros de media ao mes, imposibilitando a recuperación do poder adquisitivo perdido polos/as pensionistas.

Ao mesmo tempo, denuncian que en Galiza, onde os salarios son máis baixos, as pensións tamén e advirten de que os debates na Comisión do Pacto de Toledo, as recomendacións do FMI e da OCDE, os anuncios do Goberno español sobre a prolongación da idade da xubilación ou o decreto de contratos relevo e xubilación parcial confirman a pretensión de introducir novos recortes.

Finalmente, inciden que a defensa das pensións -tanto as do presente como as futuras- “é unha loita de todos e todas”.